O Camiño de Santiago transfórmase nun camiño emprendedor para trinta universitarios iberoamericanos

Contaba Ana Aguilar, investigadora da Universidade de Concepción de Chile, que durante a ruta SpinWay no Camiño de Santiago ela “era do grupo dos de atrás”. “Eramos os máis lentos, aos que máis nos custou chegar, pero gozamos moito cada detalle”. Un esforzo que viu recompensado cando, primeiro os seus compañeiros de equipo e onte o xurado de SpinWay, elixiron o seu proxecto emprendedor, Symbiosys, como o mellor desta edición.
Symbiosys é o resultado de anos de investigación que agora esta moza chilena quere aplicar para desenvolver unha agricultura máis produtiva e sustentable. O seu proxecto baséase no cultivo e comercialización de fungos que contribúen de maneira natural a enriquecer e mesmo recuperar os chans agrícolas, xerando biofertilizantes adaptados aos ecosistemas naturais das diferentes rexións de América Latina. “Teño toda a vida para dedicarme a isto e sei que vou ter moi bos resultados”, aseguraba tras a entrega de premios.
Atrás quedaban os máis de 100 quilómetros percorridos a pé e as horas de traballo cos mentores, que serviron para que tanto ela como o resto dos mozos emprendedores e emprendedoras de 14 países que participaron en SpinWay 2017 visen crecer e consolidarse as súas iniciativas empresariais.
“Os mentores foron como as frechas amarelas que nos atopamos no Camiño”, explicaba Giselle Mendoza, do Tecnolóxico de Monterrey. “Eles guiábannos, dicíannos por onde seguir, e tamén nos facían ver as pedras ou obstáculos que podiamos atopar para os nosos proxectos?. Geco é a iniciativa desta estudante mexicana de Economía Ambiental que aspira a crear unha empresa tecnolóxica que fabrique bioplásticos e outros biomateriais de valor engadido a partir da pel da laranxa que refuga a industria. A súa presentación foi recoñecida co segundo premio na competición de pitch de SpinWay 2017, celebrada onte no Edificio Emprendia da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Tamén tiveron ocasión de defender as súas propostas Javier Casal Pérez, da USC, con Mobilitrust; Gaston Legnani Aguirre, da Universidade ORT de Uruguai, co proxecto Krowth; e Daniel Zaragoza Rodríguez, da Universidade mexicana de Guadalaxara, con Endoshot.
Durante a competición estes universitarios puxeron a proba todo o aprendido durante a súa aventura. Para Gastón Legnani o máis valioso da experiencia foi “coñecer tanta xente distinta, de tantas culturas diferentes”. “Lévome a súa amizade e o ver como queren cambiar a realidade dos seus países”, explica. Daniel Zaragoza coincide en que a maior aprendizaxe, ademais de mellorar o pitch, foi a confluencia de culturas, “que me enriqueceron fortalecendo o meu proxecto”.
O traballo en equipo foi outro dos puntos fortes de SpinWay. Cada un levaba na mochila a súa idea emprendedora pero xuntos esforzáronse en apoiarse mutuamente. Así, non só os finalistas tiveron un recoñecemento na competición de onte, senón tamén os membros dos seus equipos. Eles foron, xunto cos mentores, quen lles deron os primeiros consellos para mellorar o pitch, e tamén quen os elixiu como representantes ante o xurado.
Este xurado estivo formado pola vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; o conselleiro delegado de Uninova, José Manuel Cotos; o director xeral do Instituto da Mocidade (INJUVE), Javier Dourado; o secretario xeral do Organismo Internacional de Mocidade para Iberoamérica (OIJ), Max Trejo Cervantes; o presidente de Visualiza Business, José Ramon García; e o xefe de Área de Cultura Xacobea dá S.A. de Xestión do Plan Xacobeo (Xunta de Galicia), Francisco Singul.
Hospido asegurou aos emprendedores que “a mochila que vos ides a levar xa vai máis cargada” e agradeceu ás entidades colaboradoras que apoiasen SpinWay, “un programa que é un exemplo máis do modelo colaborativo, a única forma de avanzar na sociedade”. “Desde a USC cremos no emprendemento, cremos nos nosos estudantes e na mocidade, e no rol de apoio que ten que ter a universidade para eles”, concluíu.
Pola súa banda, Max Trejo, secretario xeral do OIJ, afirmou que “este camiño que emprenderon hai uns días non termina hoxe. As súas traxectorias como emprendedores e emprendedoras seguirán enriquecéndose, agora recargadas coas aprendizaxes, as amizades e os recoñecementos que levan desta experiencia de SpinWay 2017. Teñan a certeza de que lles seguiremos acompañando nesta senda de transformación”.
A USC, en colaboración con RedEmprendia, OIJ e o Injuve impulsan esta segunda edición de SpinWay, que contou tamén coa colaboración de Uninova, Xacobeo Galicia e Visualiza Business.
Os finalistas da competición de pitch Gaston, Javier, Ana, Daniel e Giselle (Foto: Santi Alvite) Equipo gañador do pitch co xurado (Foto: Santi Alvite)