Os camiños no patrimonio cultural courelá, a análise nun seminario na Estación Científica da USC
Os camiños do Courel, así como a súa importancia e posta en valor, serán obxecto de análise e debate no marco da terceira edición do seminario sobre o patrimonio cultural courelá, un foro promovido desde o campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural do Courel e a Deputación Provincial de Lugo, que comeza este venres nas instalacións da Estación Científica do Courel, que acubillará ata o domingo as diversas sesións programadas ao abeiro dunha iniciativa de divulgación científica.
O programa desta edición permitirá afondar no coñecemento dos camiños do Courel como elementos singulares do patrimonio cultural deste territorio ao longo da Historia, como marco das historias cotiás de veciños e visitantes e como medios de transformación dos lugares polos que pasan, segundo indica o director da Estación Científica do Courel. O tamén catedrático da USC Antonio Rigueiro explicou asemade que todas as sesións, que serán gravadas para así acadar unha maior difusión, contarán cun aforo máximo limitado a 20 persoas.
O militar de carreira e historiador de formación Xosé Fortes Bouzán abrirá este venres, ás 18.30 horas, o programa de relatorios do III Seminario O Patrimonio Cultural Courelá cunha intervención baixo o título ‘Os Viaxeiros da Luz no Courel. 30 anos dunha viaxe a cabalo por Galicia’, un relato co que lembrará a serie da TVG da que el foi protagonista e na que cinco xinetes percorrían os camiños do Courel e o resto de Galicia. Xosé Fortes foi membro fundador da Unión Militar Democrática, subdirector da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia e autor de libros de Historia e outros como ‘Cuando las derrotas otorgan la victoria’ (2011) e ‘A rienda suelta’ (2019).
Sábado
O seminario sobre patrimonio cultural courelá continuará na xornada do sábado cun amplo panel de conferencias en quenda de mañá e tarde. Branca Novoneyra, vogal da Fundación Uxío Novoneyra, abrirá a xornada coa presentación do proxecto de residencias literarias no Camiño de Santiago ‘Ámeto mítico’, e, ao remate da súa intervención, o investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas David González falará da importancia dos camiños nas áreas de montaña como elementos xeradores de paisaxes culturais, nun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘As montañas como áreas de encontro: camiños, pastores e rabaños na construción das paisaxes culturais da Cordilleira Cantábrica’.
A sesión matinal chegará ao seu colofón cunha exposición a cargo do profesor de Historia da Arte da USC Julio Vázquez Castro, quen analizará a vinculación do Castelo do Carbedo (Ben de Interese Cultural) coa Orde de Santiago e a peregrinación a Compostela. Xa en quenda de tarde, o traballador social do Courel Xesús A. Parada Jato acompañará a comitiva participante no curso nun percorrido polo chamado ‘Camín dos Cangos’ e actuará como guía por un treito do antigo camiño real que descorre polo val do río Pequeno e que comunica Quiroga co Hospital do Incio.
Clausura
O III Seminario O Patrimonio Cultural do Courel concluirá o domingo cunha xornada dedicada á historia antiga dos camiños courelaos. Así, a investigadora da Universidade de Sevilla Ruth Pliego ofrecerá a charla ‘A moeda sueva e visigoda na Gallaecia: a ceca de Laure’, unha intervención na que esta doutora en Historia achegará datos sobre a tremis de ouro depositada no Museo Arqueolóxico Nacional e que baixo o reinado de Sisebuto (S. VII) se acuñou nunha ceca “Laure” que podería ser O Courel. Para rematar este foro sobre patrimonio cultural do Courel, o profesor ad honorem da USC e académico da Real Academia Galega de Belas Artes, Antonio Rodríguez Colmenero, clarificará a importancia das antigas vías romanas de comunicación polo Courel.