Ir o contido principal

Os camiños, redes e circuítos nas músicas iberoamericanas centran o III Congreso internacional MUSAM

III Congreso internacional MUSAM
A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, tomou parte no acto inaugural xunto a Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura e os organizadores do foro. FOTO: Santi Alvite
O foro está organizado polo grupo Organistrum da USC e, ao longo de tres xornadas, albergará diferentes relatorios e comunicacións de case setenta participantes europeos e americanos
Santiago de Compostela

Baixo o lema ‘Músicas iberoamericanas: camiños, redes e circuítos’, botou a andar este xoves o III Congreso internacional MUSAM, promovido pola Sociedade Española de Musicoloxía a través da súa Comisión de Estudos Americanos (MUSAM). O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia acolleu o acto inaugural deste foro dirixido pola profesora da USC Montserrat Capelán e polo profesor da Universidade de Xaén, Javier Martín. O congreso está organizado polo grupo Organistrum da USC e, ao longo de tres xornadas, albergará diferentes relatorios e comunicacións dos case setenta participantes europeos e americanos, que tratarán as máis diversas cuestións relacionadas cos circuítos e intercambios musicais entre Europa e América.  

Identidades, interpretación de repertorios comúns, problemas historiográficos, mercados musicais, música de salón ou os galegos na música americana conforman algúns dos eidos temáticos que serán obxecto de análise no marco do Congreso. As conferencias plenarias impartidas por Leonardo Waisman, Emilio Casares, Victoria Eli, David Cramer, Marita Fornaro, Julio Ogas, Consuelo Carredano ou Victoria Eli, entre outros, completan o programa. A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, tomou parte no acto inaugural xunto a Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura.

Actividades paralelas

Durante estes tres días desenvolveranse actividades paralelas como visitas dos congresistas ao Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, baixo a guía de Carlos Villanueva; a presentación do libro En, desde y cara a las Américas: música y emigraciones transoceánicas; a Asemblea Xeral da MUSAM, ou os concertos no Auditorio de Galicia da Real Filharmónica, baixo a dirección de Joana Carneiro este mesmo xoves 14; ou o recital de arpa peruana de Manuel Vilas no Paraninfo da Universidade o venres 15. O recital de charango coa participación de Julio Mendívil pecha o programa de actividades o sábado 16. Este foro conta co patrocinio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, e a Deputación de Ourense.

III Congreso internacional MUSAM
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2021.