Ir o contido principal

A campaña de compostaxe de orgánicos no Monte da Condesa rematou con 1.938 litros de residuos tratados

O análise do compost obtido revela que poderá ser empregado en setembro

O pasado mes de xuño finalizou a segunda campaña de compostaxe na Residencia Universitaria do Monte da Condesa, realizada de xaneiro a xuño, coa que se conseguiu evitar que 1.938 litros de residuos orgánicos xerados nas cociñas que empregan os residentes foran queimados en incineradoras ou depositados en vertedoiros. Deste xeito, aproveitaranse para producir un abono ecolóxico.
Dos resultados da campaña, organizada pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible en colaboración cos bolseiros de Aula Verde do Campus de Santiago e a propia residencia, ademais do Servizo de Xardinaría da USC, é salientable a calidade da separación obtida este ano, xa que nun 86% dos casos os residuos baleirados no composteiro non estaban contaminados por ningún tipo de impurezas inorgánicas.
O principal obxectivo desta iniciativa é promover hábitos responsables de separación selectiva de residuos entre membros da comunidade universitaria. Preténdese consolidar a compostaxe como método alternativo de tratamento de residuos na Residencia Universitarias Monte da Condesa e, ao tempo, obter un abono de calidade obtido a partires da degradación aeróbica da materia orgánica, o compost.
Boa calidade do compostSegundo revelan as análises realizadas pola profesora Maite Barral, do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, o compost obtido durante estas dúas campañas é de boa calidade (clase B). As análises consistiron na determinación de certas propiedades fisicoquímicas do compost coma o pH, a condutividade, a humidade, o contido de materia orgánica..., así como o contido en determinados nutrientes e metais pesados, que é o que determina a calidade do mesmo. Os resultados revelan que unicamente un desaxuste nos niveis de Cd impiden que o compost producido na RU Monte da Condesa sexa clasificado como óptimo (clase A). Deste xeito, un control máis rigoroso do material botado no composteiro pode servir para poder acadar nun corto período de tempo este nivel.
O compost obtido será extraido do composteiro en setembro para a súa posterior utilización. A campaña de compostaxe será reiniciada o próximo curso académico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2007.