Ir o contido principal

O campionato D3Mobile Metrology World League espalla a pegada do Campus Terra por Europa e América

Organizadores, participantes e gañadores da X D3Mobile Metrology World League
Organizadores, participantes e gañadores da X D3Mobile Metrology World League
Un equipo de Colombia gaña a décima edición dunha competición internacional de escaneado 3D de precisión con móbil impulsada polo grupo CIGEO da EPS de Enxeñaría da USC que tamén recoñece con varios premios a calidade dos traballos por seis alumnas do IES Muralla Romana de Lugo
Lugo

O equipo Blackleds, do colexio A Toscana Lisboa, de Bogotá (Colombia), proclamouse campión da X D3Mobile Metrology World League, un certame internacional de escaneado 3D de precisión con táblet/teléfono móbil convocado polo grupo de investigación CIGEO da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, segundo se puxo de manifesto este martes na sede universitaria luguesa no acto de entrega de galardóns da décima edición dun campionato científico que conta con financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo e en cuxa organización tamén colaboran o Centro Español de Metrología (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG).

A cerimonia de entrega de premios da décima edición da D3Mobile, cuxas diversas probas de competición se desenvolveron ao longo do presente curso académico, desenvolveuse no marco dun acto presencial, aínda que retransmitido en streaming para todo o mundo, que estivo presidido polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga. O subdirector da EPS de Enxeñaría, Emilio Carral; a coordinadora do Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática (CIGEO), Mariluz Gil Docampo; o director do Servizo Rexional do Instituto Xeográfico Nacional (IGN) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) en Galicia, Pablo Carballo Cruz, e o director do proxecto D3Mobile, o profesor Juan Ortiz, tamén participaron na clausura dunha iniciativa científica que nesta edición permitiu difundir o Campus Terra da USC e, nomeadamente as titulacións impartidas na EPS de Enxeñaría, entre os 126 estudantes e 32 profesores de 28 centros educativos de 8 países de todo o mundo que tomaron parte neste certame. A cerimonia de entrega de galardóns contou tamén coa presenza da delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Pablo Vila Lameiro, e a coordinadora do programa A Ponte entre a USC e o ensino medio na sede universitaria luguesa, Guadalupe Vila.

O xurado encargado de valorar as distintas probas nas que se estrutura este concurso, acordou proclamar campións da categoría Metrólogos aos integrantes do equipo colombiano Blackleds, integrado polas estudantes Mariluz Pedroza Garizao e Yesica Lorena Santamaria, acompañados polo profesor Roberto Alayón Palacios. A decisión deste tribunal produciuse logo de avaliar tanto a capacidade de todos os participantes para realizar medicións con precisión e exactitude, como a calidade visual dos modelos escaneados en 3D por todos eles. Neste senso, cómpre lembrar que na segunda das proba propostas, este equipo de Bogotá escaneou a figura dunha boneca, mentres que na terceira, conseguiu un erro medio inferior a 0,04 milímetros nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior.

Ou equipo italiano Enduro, do ITTS Silvano Fedi-Enrico Fermi de Pistoia, proclamouse subcampión deste torneo, dirixido a que promesas STEM en etapa escolar adquiran algunhas das denominadas habilidades do século XXI. Os italianos Luca Nitti e Giacomo Ingrao, coordinados polo profesor Paolo Papini, obtiveron a segunda mellor puntuación tras escanear en 3D parte do motor dun vehículo e baixar na terceira proba de 0,08 mm de erro medio.

Os gañadores do premio ao modelo 3D máis votado polo público, unha categoría establecida polos organizadores de D3Mobile en aras a fomentar as competencias do alumnado para facer unha campaña de difusión dos seus resultados e captar así o favor e o voto do público cara ao seu modelo 3D, foron os integrantes do equipo The Ruling, do Gölcük Ihsaniye Mesleki Ve Teknik Anadolu Lisesi, de Gölcük (Turquía). Este equipo, formado polos alumnos Elberr Şengül e Ahmet Murat Çayakar, baixo a coordinación do profesor Mustafa Toruntay, conseguiu promocionar o seu modelo 3D dunha figura da Torre Eiffel ata ser o máis apoiado polos votantes.

Premios IES Muralla Romana de Lugo

As alumnas do IES Muralla Romana de Lugo, Jennifer Fernández Fariñas e Aitana López Igrexas, coordinados pola profesora Marta Goy López, proclamáronse campionas mundiais na categoría Artistas 3D, co modelo do coñecido pavo real de Sargadelos. As súas compañeiras no instituto lugués Lorena Pérez Vázquez e Lucía Ferández, lideradas tamén pola docente Marta Goy, gañaron a fase provincial do certame co modelo dunha coral escaneado en 3D. Asemade, as tamén alumnas do IES Muralla Romana de Lugo Noemí Díaz Pérez e Lucía Fernández, coa colaboración da mesma docente como titora, convertéronse no equipo mellor clasificado de Galicia con outro modelo de coral escaneado en 3D.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2023.