O Campus compostelá empápase no cooperativismo

Unha xornada, unha exposición e unha Escola Móbil son os tres elementos centrais sobre os que se está a desenvolver, ata o próximo venres 8, a Semana do Cooperativismo na USC, unha iniciativa da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e o Consello Galego de Cooperativas en colaboración coa Universidade de Santiago, quen recentemente formalizou a súa adhesión á Rede Eusumo. Esta iniciativa busca que a comunidade universitaria teña a oportunidade de achegarse á economía social como unha fórmula para a xeración de riqueza e emprego. Neste contexto, Ciencias Económicas e Empresariais acolleu este mércores a xornada Universocoop na que se presentaron cuestións técnicas sobre o cooperativismo, así como experiencias de cooperativas reais formadas por universitarios e universitarias. Así, ademais das testemuñas de titulados/as universitarios, explicouse o proceso de constitución deste tipo de sociedades ou as principais características diferenciadoras dende o punto de vista da fiscalidade, a contabilidade e a xestión económicas. Co lema ‘Descubre as cooperativas’, esta semana de actividades inclúe tamén unha mostra que ofrece un percorrido dinámico e interactivo polas potencialidades do cooperativismo e a economía social. Permanecerá instalada na Facultade de Ciencias Económicas tamén ata o 8 de novembro e expón de xeito visual os pasos precisos para acceder ao autoemprego baixo esta fórmula. Para completar o abano de actividades, a Semana do Cooperativismo na USC inclúe unha Aula Cooperativo Móbil, na que se imparten obradoiros, información e asesoramento ao longo de toda a semana en Campus Vida. Xunto isto, a USC inclúe no seu Edificio Emprendia un punto de información e asesoramento en materia de cooperativismo. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web da Rede Eusumo (http://www.eusumo.coop/). Foto: Servimav-USC