Ir o contido principal

Os campus de Compostela e Lugo suman 806 doazóns de sangue na primeira fase da campaña universitaria de ADOS neste curso

Os autobuses nos que se poden facer as doazóns desprazaranse a distintas facultades ata abril. FOTO: Santi Alvite
Os autobuses nos que se poden facer as doazóns desprazaranse a distintas facultades ata abril. FOTO: Santi Alvite
O número de novas persoas que doaron por primeira vez na institución compostelá foi de 288, o que supón máis dun 35,7% do total, permitindo renovar a base de doantes

Tras obterse 613 doazóns de sangue nos campus de Santiago e 193 no de Lugo na primeira fase da campaña universitaria promovida pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), este martes comezou a segunda, que se prolonga ata mediados do mes de abril. A primeira fase supuxo acadar unha cifra de 2.234 doazóns nos sete campus galegos, das cales 800 (un 35,8 %) correspondían a persoas que doaban por primeira vez.

Para a segunda fase da campaña, a ADOS marcouse como obxectivo o fomento da doazón na comunidade universitaria galega, así como continuar renovando a base de doantes e superar as 4.453 doazóns recollidas no pasado curso académico. Neste sentido, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido da educación, tanto en centros educativos non universitarios como universitarios, xa que, para un bo número de rapaces e rapazas é o primeiro contacto que teñen co xesto solidario da doazón de sangue. Nas xornadas previas ao desenvolvemento de cada campaña, impartiranse charlas didácticas e distribuirase material informativo cos requisitos precisos para doar, e a data e lugares onde poder participar.

Ademais, na segunda fase vaise desenvolver unha intensa campaña de información, sensibilización e captación de doantes de medula ósea en centros docentes universitarios e non universitarios, comezando na Facultade de Enfermaría da USC en Santiago.

ADOS e a USC teñen unha longa traxectoria de colaboración no ámbito da doazón, que ambas institucións queren potenciar e poñer en valor. Por este motivo, promoven campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que conforman a USC con periodicidade anual, estruturadas en dúas fases: a primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda de febreiro a abril.

ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de datos de doantes de sangue en Galicia, co obxectivo de poder facer fronte aos requirimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na nosa comunidade. Desta maneira, USC e ADOS establecen, de forma conxunta, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea dende a comunidade universitaria.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.02.2024.