Ir o contido principal

Os tres campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia exploran liñas de colaboración e sinerxías en I+D

Responsables e técnicos dos campus de especialización do SUG
Responsables e técnicos dos campus de especialización do SUG
A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, participa en Ourense nun encontro informativo cos directores e técnicos do Campus Industrial de Ferrol e do Campus da Auga da UVigo para abordar posibles ámbitos de cooperación
Lugo

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Mª Elvira López Mosquera, acompañada de Patricia González, técnicos de Transferencia deste campus de especialización da USC, participan en Ourense nun encontro informativo cos directores e técnicos do Campus Industrial de Ferrol (UDC) e do Campus da Auga, da UVigo, para explorar posibles liñas de colaboración e sinerxías no ámbito da I+D.

A xuntanza, impulsada pola Xunta de Galicia, a través Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para favorecer a colaboración conxunta entre os tres campus de especialización do Sistema Universitario Galego (SUG) e impulsar así sinerxías e accións estratéxicas no eido da investigación, desenvolveuse na sede ourensá do Campus da Auga da UVigo, que vén de ser acreditado hai apenas dous meses como campus de especialización.

A presentación das principais características e retos do Campus Auga e do proceso desenvolvido desde a UVigo para acadar este selo de excelencia outorgado pola Xunta de Galicia marcou o comezo desta primeira sesión de traballo entre responsables e técnicos dos campus de especialización do SUG, da que actuaron como anfitrións o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez, e o director do Campus da Auga, Roberto Ignacio Fernández.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Isabel Ares, e o director deste campus de especialización localizado na cidade ferrolá, Marcos Míguez, acompañados tamén de persoal técnico, tamén estiveron presentes nun foro encamiñado a fortalecer as estruturas dos campus non centrais e a potenciar o seu grao de competitividade e especialización.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2024.