Ir o contido principal

O Campus de Lugo acolle un congreso internacional sobre economía e finanzas

Inauguración do XV Congreso Internacional da SIGEF no Campus de Lugo
Inauguración do XV Congreso Internacional da SIGEF no Campus de Lugo
No congreso participan máis de 40 académicos e profesionais de todo o mundo

A vicerreitora adxunta de Oferta e Xestión Académica, Begoña Barreiro, o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Luís Gago; o presidente de SIGEF, Jaime Gil Aluja; e o alcalde de Lugo, José López Orozco, inauguraron este xoves o XV Congreso internacional da SIGEF ‘Crise económica e financieira: novas oportunidades e perspectivas’, que se desenvolverá en Lugo ata este venres pola tarde.
O congreso, no que participan máis de 40 académicos e profesionais de tres continentes que traballan no campo da economía, as finanzas, a xestión e a organización, pretende estimular o intercambio científico, a promoción da cooperación internacional entre a comunidade académica e as empresas, así como difundir os resultados das investigacións internacionais.
Na primeira xornada, máis de vinte especialistas de España, e doutros países como Arxentina, Dinamarca ou Romanía, analizan as finanzas corporativas, as redes neurais e os programas de optimización, co obxectivo de afondar nas claves, cambios e oportunidades que presenta a actual crise económica que estamos a atravesar a nivel mundial.
O venres, profesionais da economía de México, Eslovenia ou Italia abordarán os fundamentos teóricos, a xestión e a toma de decisións, e as políticas económicas que se están a desenvolver nos seus respectivos países, analizando tamén os resultados que ofrecen.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2009.