O Campus de Lugo acolle este martes as primeiras visitas de estudantes de ensino medio interesados nas súas titulacións
O programa ‘A Ponte’ da USC levará a cabo os días 22, 23 e 24 de marzo os ‘Encontros na USC’ no Campus de Lugo, unha actividade destinada a achegar ao alumnado de Bacharelato e ciclos formativos as oportunidades que ofrece a Universidade .
Trátase de visitas dos rapaces aos centros da USC, nas que se lles ensina a facultade ou escola elixida por eles e se lles presentan as titulacións que demanden (entre outros puntos, dáselles información sobre os estudos, as prácticas as saídas profesionais). Cada alumno pode elixir o percorrido que prefire realizar de entre os que se ofertan no Campus de Lugo, e que contemplan visitas á Facultade de Ciencias e Aula de Produtos Lácteos; Facultade de Veterinaria e Hospital Rof Codina; Escola Politécnica Superior; Facultade de Administración e Dirección de Empresas; Facultade de Humanidades xunto coa Biblioteca Intercentros; Facultade de Formación do Profesorado e Biblioteca Intercentros ou Escola de Relacións Laborais; e Escola de Enfermaría e Escola de Relacións Laborais. Os alumnos dos centros de Ensino Medio reuniranse ás 11:00 horas na Residencia Bal y Gay, onde serán agasallados cunha carpeta da USC. Dende alí o persoal encargado das visitas, formado por profesores e alumnos titores, conduciraos aos centros elixidos. A finalidade dos encontros é que os estudantes teñan información de primeira man e se formen unha idea máis concreta do que son os estudos da USC, neste caso os referidos ás titulacións do Campus de Lugo.