O Campus de Lugo acolle por primeira vez un curso sobre creación de centros veterinarios
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas acollerá entre o 1 e o 10 de outubro a primeira edición do curso sobre Creación e Planificación de Centros Veterinarios, cos obxectivos de dar a coñecer a estrutura dun plan empresarial aplicado ao sector asistencial veterinario, aprender a desenvolver o plan de empresa desde a idea de negocio, e achegar as ferramentas para defender un plan de empresa ante as entidades financeiras. O curso será impartido polo profesor da Facultade de ADE de Lugo Fernando Losada Pérez, e polo técnico en Xestión e Recursos Humanos da Fundación Rof Codina, Francisco Celestino López Palacios, e inclúe materias como presentación dun proxecto empresarial, análise do contorno competitivo, plan de márketing, plan de recursos humanos, proceso técnico e de prestación do servizo, plan económico-financeiro, plan de organización ou defensa do proxecto ante as entidades crediticias. O prazo de matrícula ábrese o próximo 18 de setembro, e a inscrición terá un prezo de 130 euros. Os interesados en completar a información sobre este curso poden dirixirse aos correos electrónicos francisco.palacios [at] usc.es (francisco[dot]palacios[at]usc[dot]es) ou fernando.losada [at] usc.es (fernando[dot]losada[at]usc[dot]es).