O campus de Lugo celebra a Semana do Cooperativismo do 18 ao 22 con obradoiros, exposicións e a xornada ‘UniversoCoop’
A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, en colaboración coa USC, recentemente adherida á Rede Eusumo, celebrará do 18 ao 22 de novembro a Semana do Cooperativismo na USC no campus de Lugo, onde se desenvolverán diversos obradoiros, exposicións e sesións informativas a través das que se busca achegar a comunidade universitaria á economía social como fórmula para a xeración de riqueza e emprego.
As actividades programadas no campus lugués co gallo da Semana do Cooperativismo da USC son de entrada libre e gratuíta e desenvolveranse na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, onde se instalará un punto de información e asesoramento en materia de cooperativismo, así como un aula de cooperativa móbil na que se celebrarán diversos obradoiros. A exposición ‘Descubre as cooperativas’, que permanecerá aberta do 19 ao 22, permitirá ao visitante coñecer, a través dun formato visual e interactivo, o funcionamento das cooperativas, así como os pasos precisos a seguir para acceder ao autoemprego baixo esta fórmula. A Facultade de Administración e Dirección de Empresas acollerá o vindeiro xoves, día 21 de novembro a xornada de difusión do cooperativismo dirixida a universitarios ‘UniversoCoop’, unha sesión durante a que se presentarán cuestións técnicas sobre o cooperativismo, así como experiencias de cooperativas reais formadas por universitarios e universitarias. A xornada ‘UniversoCoop’ desenvolverase en quenda de mañá e comezará cun relatorio a sobre as claves diferenciadoras da empresa cooperativa, a cargo de Teresa Rivas, da Rede Eusumo. A sesión continuará cunha táboa redonda, moderada por Manuel Botana, catedrático de Dereito Mercantil da USC, e na que outros tres profesores de Dereito Mercantil e Financeiro abordarán cuestións relativas ás singularidades do modelo cooperativa respecto da súa fiscalidade, contabilidade e mesmo da xestión económica. Un percorrido pola mostra ‘Descubre as cooperativas’, un relatorio sobre os pasos a seguir para constituír unha cooperativa e outra sesión na que os asistentes poderán escoitar os testemuños de experiencias cooperativas formadas por ex estudantes universitarios, servirán de colofón á xornada. O subdirector Xeral de Cooperativas e Economía Social da USC, Xoán Miguel Concheiro, pechará o foro cunha exposición sobre a Rede Eusumo, o cooperativismo e a economía social.
A inscrición na xornada ‘UniversiCoop’, un foro que ofrece a oportunidade de coñecer o cooperativismo de primeira man e de contrastar a idoneidade da fórmula para a creación de iniciativas empresariais de base tecnolóxica, é de balde e pode facerse a través do teléfono 678 759 979 ou no enderezo electrónico info [at] eusumo.coop (info[at]eusumo[dot]coop).