Ir o contido principal

O Campus de Lugo dótase de tecnoloxía propia fronte á COVID-19

Fotómetro móbil Fotometrix, desenvolvido por investigadores do grupo XuvenCiencia
Fotómetro móbil Fotometrix, desenvolvido por investigadores do grupo XuvenCiencia
O fotómetro móbil Fotometrix, desenvolvido polo grupo XuvenCiencia da USC, permite a alumnado de Bioquímica e de Enxeñaría en Procesos Químicos na Facultade de Ciencias facer prácticas de laboratorio en grupos reducidos e condicións de seguridade
Lugo

O Campus de Lugo dótase de tecnoloxía propia fronte á COVID-19 e optimiza así o enxeño e o traballo desenvolvido polos seus investigadores en aras a garantir a máxima calidade da formación que recibe o alumnado na actual conxuntura sociosanitaria propiciada pola pandemia da COVID-19, na que o mantemento da distancia física, o uso de máscara e o lavado de mans, entre outras medidas de hixiene, centran as recomendacións das autoridades.

A formación práctica e nomeadamente as prácticas desenvolvidas en laboratorio teñen unha importancia capital na programación dalgunhas titulacións universitarias, como é o caso do grao en Bioquímica, de nova implantación da Facultade de Ciencias, ou do grao e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, un título de carácter experimental que tamén se imparte neste centro do Campus de Lugo da USC, que vén de incorporar ao seu equipamento científico dez fotómetros móbiles desenvolvidos polo grupo XuvenCiencia, uns dispositivos tecnolóxicos que garanten a realización de prácticas en grupos reducidos e con distancia de seguridade.

Os sensores fotométricos Fotometrix xa se están a usar nas prácticas programadas nos primeiros cursos dos graos en Bioquímica e en Nutrición, para a determinación de proteínas en alimentos, e tamén nas prácticas de terceiro curso da Enxeñaría de Procesos Químicos, para estudar os procesos do tratamento de augas residuais. Asemade, estes fotómetros móbiles incluso poderían ser usados polos propios estudantes nos seus respectivos domicilios en caso de confinamento.

Fotometrix

O sensor Fotometrix creado por un equipo interdisciplinar de investigadores do grupo XuvenCiencia, é un fotómetro móbil baseado no micro-controlador Arduino e a impresión 3D, que realiza as medidas de absorbancia cunha precisión sorprendente para o seu tamaño e custo. A fonte de luz é un LED de alta potencia que emite tres cores: vermello, verde e azul. A luz do LED atravesa a cubeta co analito e incide sobre un detector de luz de alta sensibilidade. Un micro-controlador tipo Arduino fai os cálculos necesarios para determinar a absorbancia da luz das mostras. Este fotómetro móbil tamén xera unha rede wifi propia que conecta co móbil do usuario para controlar o fotómetro e facer a lectura da medida.

Fotometrix baséase nun concepto do Laboratorio de automatización de bioprocesos da Universidade de Ciencias Aplicadas de Hamburgo en Alemaña e foi desenvolvido como parte do proxecto ‘XuvenCiencia – Fago, logo aprendo’ que contou con financiamento da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía).

O fotómetro móbil Fotometrix foi deseñado por un equipo multidisciplinar do grupo XuvenCiencia da USC, coordinado polos profesores na Facultade de Ciencias Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo, do Departamento de Química Física; xunto cos profesores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) Jorge Dafonte e Miguel Ángel González, da área de Enxeñaría Forestal, e Francisco Javier López González, da área de Expresión Gráfica, ademais de Ramiro Barcia, profesor e investigador do Departamento de Bioquímica da USC nas facultades de Veterinaria e de Ciencias.

Fotómetro móbil Fotometrix, desenvolvido por investigadores do grupo XuvenCiencia
Fotómetro móbil Fotometrix, desenvolvido por investigadores do grupo XuvenCiencia
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2020.