Ir o contido principal

O Campus de Lugo será o escenario para a First Lego League

A competición desenvolverase na Facultade de Veterinaria este domingo

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo é o primeiro centro de ensino superior que celebrará, este domingo 23 de novembro, no seu auditorio unha competición da First Lego League. Trátase dun programa interactivo de robótica, no que os participantes traballarán na construción de robots e se iniciarán na investigación científica, entre outras actividades.
O desenvolvemento desta actividade ten un alto valor educativo ao promover o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre escolares, ao tempo que supón un proceso de aprendizaxe para o neno.
Participarán 16 equipos galegos, 14 deles de Lugo. Os grupos competirán en dúas categorías. A primeira delas consistirá la presentación dun proxecto de investigación científica: os equipos deben realizar unha investigación científica relativa á temática desta edición, adicada ao cambio climático.
Ademais, cada equipo defende ante un xurado, formado por 3 técnicos, a forma en que deseñaron o robot, o proceso que seguiron, as dificultades que atoparon e como as resolveron. O xurado valora tanto a eficacia do robot como os restantes aspectos do desenvolvemento do proxecto.
A segunda parte da proba consistirá nunha competición contrarreloxo de robots: os equipos deben realizar cos seus robots o maior número posible das actividades do reto, cada unha deles terá asignado un número determinado de puntos.
No evento participarán estudantes e profesores do Campus de Lugo e do Instituto Politécnico, así como técnicos do Concello de Lugo que participan como voluntários, árbitros e xueces nas diferentes fases do concurso.
A First Lego League está organizada polo Concello de Lugo e CEI-NODUS e está patrocinada pola Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración da USC, COETIL Lugo (Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais) e Igaciencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2008.