Ir o contido principal

O campus de Lugo espalla a súa pegada desde a India ata Canadá

Pratham Preet Singh e José Vázquez Tato, en Ontario
Pratham Preet Singh e José Vázquez Tato, en Ontario
O fillo dun investigador hindú formado na USC promociona Lugo nun catálogo no que a universidade canadense de Guelph compila testemuños dos mellores titulados

A pegada do campus de Lugo é cada vez máis longa e as súas aulas acollen, ano tras anos, estudantes e investigadores chegados de países de todo o mundo. As estatísticas de poboación estranxeira na sede universitaria luguesa non deixaron de medrar nos últimos anos ata a data actual, cando o grao de internacionalización deste campus da USC supera o 20% das estatísticas de nova matrícula, unha evolución á que, de seguro, contribúe as fondas raíces que mantén a institución académica compostelá no vello continente e alén do Atlántico, así como a súa crecente presenza en Oriente e tamén en África.

A dimensión internacional da sede universitaria luguesa é, cando menos en parte, consecuencia da chamada globalización, un proceso especialmente visible neste ámbito, a través do fluxo de estudantes e intercambio de docentes e investigadores. Sen embargo, máis alá desta conxuntura, o coñecemento do Campus Terra da USC tamén vai en aumento grazas ao bo facer dos seus embaixadores, ou o que vén a ser o mesmo, todas as persoas que nalgunha etapa da súa vida transitaron polo campus lugués na procura de impulso para continuar a súa singradura por outros lares.

O hindú Pratham Preet Singh, que vén de graduarse con honores en Enxeñaría Biomédica na prestixiosa universidade canadense de Guelph, na provincia de Ontario, tense convertido pouco menos que por accidente, nun novo valedor do campus de Lugo, a pesar de que nunca pisou as súas aulas como estudante nin fixo investigación algunha nos seus laboratorios.

A historia de Pratham e, sobre todo, a súa relación con Lugo, é senlleira. De feito, o agora brillante graduado en Enxeñaría Biomédica e destacado deportista nas competicións universitarias do Canadá, estivo por Lugo de paso na súa primeira infancia alá pola segunda metade da década dos anos 90 do século pasado, cando a seu pai, Anand Pal Singh, recalou na Facultade de Ciencias para completar un posgrao en Química Supramolecular da man do profesor José Vázquez Tato.

A presenza deste investigador orixinario da India en Lugo, onde recalou xunto co entón bebé Pratham e tamén en compañía da súa dona, Jaspreet Kaur, non pasou inadvertida para a comunidade universitaria luguesa, pouco acostumada a ver turbantes nas aulas nin entre as probetas dos laboratorios. O elemento de sorpresa ou de desconcerto aínda foi maior para esta familia hindú, que transitou en Lugo a aínda longa ponte que discorre entre Oriente e Occidente e coñeceu na cidade amurallada unha nova forma de vida e de sociedade na que o tempo si que importa e onde “non fai falta estar en ringleira durante horas para poder pagar un recibo ou unha bombona de butano”, lembra Vázquez Tato.

A conexión entre esta familia chegada da India e a entón aínda nova sede universitaria luguesa foi moi intensa, á vez que curta, xa que apenas se prolongou durante dous anos, tempo dabondo para establecer as bases dunha fonda amizade co profesor Vázquez Tato, unha referencia coa que nunca quixeron perder o contacto.

Pasadas dúas décadas deste primeiro contacto, os protagonistas desta historia protagonizaron este outono un reencontro na Universidade de Guelph, a onde acudiu convidado o catedrático de Química da USC na Facultade de Ciencias de Lugo para impartir un seminario de conferencias. Xa en Canadá e logo de apreciar as singularidades e magnitude da cidade Ontario e tamén co campus de Guelph, a maior sorpresa do profesor Vázquez Tato chegou ao ollar un catálogo de promoción da Universidade de Guelph, unha publicación que inclúe na súa portada unha fotografía de Pratham Preet Singh, debaixo da que figura unha lenda que explica que as orixes deste brillante graduado en Enxeñaría Biomédica están en Amritsar (India) e Lugo (España). Preguntado por esta cuestión, Pratham e a súa familia, non dubidaron en sinalar que a súa estadía no campus de Lugo marcou o comezo da súa nova vida en Canadá.

Catálogo de promoción da Universidade de Guelpg para o curso 2018

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2018.