Ir o contido principal

O Campus de Lugo sobre rodas

O Programa de préstamo de bicicletas realiza o reparto este luns en Veterinaria

A USC retoma o Programa de Préstamos de Bicicletas no Campus de Lugo por quinto ano consecutivo. Desta maneira, un total de 300 membros da comunidade universitaria en Lugo e Santiago disporán dunha bicicleta durante os meses que dura a campaña.

As bicicletas repártense este luns 29 en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas na Facultade de Veterinaria. O calendario completo de entrega pode consultarse na web da Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, área que promove esta iniciativa. O programa de préstamo pretende fomentar o uso da bicicleta á vez que estuda a evolución no uso deste medio de transporte no contorno das cidades de Lugo e Santiago. Na actual convocatoria recibíronse 424 solicitudes de participación, das cales un 84% corresponden a estudantes, un 6% a persoal docente e investigador e un 5% a persoal de administración e servizos. Respecto aos centros docentes máis activos, a Escola Politécnica Superior subscribiu 43 solicitudes de participación, seguida pola Facultade de Veterinaria con 39 e pola Facultade de Medicina e Odontoloxía, con 35 solicitudes. O Préstamo de Bicicletas enmárcase nas iniciativas postas en marcha pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC centradas en promover a mobilidade sostible. Trátase de potenciar o uso de medios de transporte que permitan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera á vez que se fomenta un ambiente máis saudable e cómodo no entorno dos campus universitarios. Por isto, ademais de promover os préstamos a Universidade ofrece un programa de descontos á hora de mercar bicicletas ou material complementario ao uso deste vehículo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2010.