Ir o contido principal

O Campus de Lugo súmase aos actos de conmemoración do Día Internacional do Voluntariado

Búscase a implicación de toda a cidadanía e o fomento da participación en iniciativas novas

O Servizo de Voluntariado do Campus de Lugo súmase este venres 5 á celebración, por segundo ano consecutivo, do Día Internacional do Voluntariado, que nesta edición leva por lema ‘O voluntariado, unha práctica saudable’, baixo o símbolo dunha mazá.
Os obxectivos desta iniciativa son amosar e promover o traballo da Rede Lucense de Voluntariado na cidade e transmitir a toda a cidadanía a importancia da participación dos voluntarios en proxectos asociativos, “para lograr unha sociedade máis xusta e equitativa”.
As actividades comezarán ás 17:00 horas na Praza Maior da cidade, diante do Concello, cunha exposición creativa que mesturará a fotografía e o audiovisual. O Servizo de Voluntariado do Campus de Lugo fai unha invitación expresa aos nenos da cidade para que creen a súa maza de papel, que pasará a formar parte da exposición.
Ás 17:30 horas, continuarán os actos cunha performance polas rúas do casco histórico, a cargo do grupo de teatro Upiaska, coa peza ‘Dar ou non dar. Esa é a cuestión’ que tentará chamar a atención sobre o verdadeiro significado da solidariedade. Unha hora máis tarde, haberá unha lectura colectiva de textos que recollan o sentir do voluntariado como espazo de convivencia. Esta actividade está aberta a toda a cidadanía. A clausura dos actos do día será ás 19:30 horas, cunha nova actuación de Upiaska.
A Rede Lucense de Voluntariado está integrada, ademais de polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, por numerosas entidades como a Fundación Secretariado Xitano, Valponasca, Cáritas, Aspnais, Juan Soñador ou Ateibo. Os actos do día 5 están financiados pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, O Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Fundación TIC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2008.