Ir o contido principal

O Campus de Lugo e a Universidade de Porto promoven un intercambio de estudantes de secundaria galaico-luso

Alumnado de secundaria nun obradoiro
Alumnado de secundaria nun obradoiro
A iniciativa artellada ao abeiro do proxecto europeo Phereclos, no que participan XuvenCiencia e a Facultade de ADE, permitirá ao alumnado manter conversas con responsables de empresas tecnolóxicas lusas
Lugo, Santiago de Compostela

Un grupo de 35 alumnos de BAC dos institutos Ollos Grandes e Lucus Augusti, de Lugo, e Xelmírez II, de Santiago, permanecerán hoxe e mañá en Porto para participar en obradoiros formativos incluídos no proxecto europeo Phereclos baixo a supervisión do grupo de innovación educativa XuvenCiencia e de profesorado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC, así como de responsables da Universidade de Porto.

O alumnado dos institutos galegos asistirá a un obradoiro articulado por Tiago Silva, da Porto Business School, e Roberto Bande, decano da facultade de ADE da USC. O propósito desta actividade consiste en continuar coa actividade en emprendemento tecnolóxico que os tres grupos de estudantes xa realizaron durante o curso pasado no marco do proxecto Phereclos. Así, os e as adolescentes comezarán a deseñar ideas empresariais baseadas nos kits de experimentación científica de XuvenCiencia.

O grupo galego fará noite nunha residencia da Universidade de Porto antes de asistir o venres 3 de setembro a relatorios e conversas con responsables de start-ups da contorna da segunda cidade de Portugal que se desenvolverán nas instalacións do Parque da Ciencia e da Tecnoloxía da Universidade de Porto. Xa pola tarde, os e as estudantes visitarán o Museu de História Natural e Ciência da institución académica lusa e o Laboratório Ferreira da Silva, que atesoura 300 anos de historia da investigación química.

A segunda parte do intercambio terá lugar o 23 e 24 de setembro, cando un grupo de estudantes da Profival, unha escola de Formación Profesional da municipalidade de Valongo, na área metropolitana de Porto, desprazarase ata Lugo para participar nun obradoiro presencial que se desenvolverá la facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC e no que tamén tomará parte o alumnado dos tres institutos galegos que participan no proxecto Phereclos.

Unha longa colaboración

Este intercambio está coordinado polos responsables do grupo de innovación docente XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez e Wajih Al-Soufi; o decano da facultade de ADE do Campus de Lugo da USC, Roberto Bande Ramudo, e Vítor Silva, da Reitoría da Universidade de Porto. Grazas ao seu traballo conxunto e á participación dos institutos galegos Ollos Grandes, Lucus Augusti e Xelmírez II, así como do portugués de Valongo, a Porto Business School e a asociación Escola-ON, naceu esta iniciativa galegoportuguesa de emprendemento tecnolóxico.

O equipo transnacional no que toman parte XuvenCiencia e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo está liderado pola Universidade do Porto, a través da súa Universidade Júnior, que participa do proxecto Phereclos da convocatoria europea Horizon2020. O proxecto PHERECLOS (Partnerships for Pathways to Higher Education and Science Engagement in Regional Clusters of Open Schooling), que se podería traducir como Colaboracións para Camiños cara a unha Educación Superior e Compromiso Científico en Grupos Rexionais de Escolaridade Aberta, está integrado por universidades para nenos e mozos de Austria, Polonia, Dinamarca, Italia, Portugal, Finlandia, Romanía, Reino Unido e Colombia.

XuvenCiencia e a Universidade Júnior de Porto manteñen unha longa colaboración que ten como orixe a pertenza de ambas as institucións á Eucu.net, a rede das universidades europeas para a infancia e a mocidade, e nos campamentos para público preuniversitario que con éxito organizan tanto o grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC como o seu homólogo portugués.

Estudantes galegos e lusos nun dos talleres da Porto Business School
Estudantes galegos e lusos nun dos talleres da Porto Business School
Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2021.