Ir o contido principal

‘Campus Oportunidades para a Inclusión’, unha experiencia de éxito compartido

Docentes, responsables e usuarios de Down Lugo, e voluntariado universitario
Docentes, responsables e usuarios de Down Lugo, e voluntariado universitario
O proxecto promovido por Down Lugo xunto coa USC e no que participou alumnado da Facultade de Humanidades e da Escola Universitaria de Enfermaría, bota o pano cun elevado grao de satisfacción por parte das persoas usuarias, docentes e estudantado
Lugo

O proxecto ‘Campus Oportunidades para a Inclusión’, unha iniciativa promovida por Down Lugo en colaboración coa USC para dar resposta a necesidades formativas, de relación e de participación social de persoas con Síndrome de Down (SD) e con outras discapacidades intelectuais (DI), nun espazo inclusivo aberto a toda a comunidade universitaria, botou o pano este xoves no Complexo Docente da sede universitaria luguesa cun elevado grao de satisfacción por parte de todas as persoas que tomaron parte nas distintas actividades desenvolvidas ao longo da segunda edición desta iniciativa.

A xerente da Asociación Down Lugo, Delfina Pérez Suárez; a directora da Escola Universitaria de Enfermaría da sede universitaria luguesa, Pilar Penela, e o decano da Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, corroboraron o “éxito” desta experiencia, nunha emotiva sesión de clausura, no marco do que as persoas voluntarias implicadas tamén salientaron o elevado grao de satisfacción que lles reportou este proxecto. Neste mesmo senso, tamén se pronunciaron o profesor de Antropoloxía da Saúde da EUE Lugo Isidoro Rodríguez Pérez e a tamén docente da USC Beatriz Fernández Herrero, profesora da Área de Filosofía Moral na Facultade de Humanidades.

O proxecto ‘Campus Oportunidades para a Inclusión’, segundo se explicou na sesión, xurde da necesidade de incrementar os espazos comunitarios nos que as persoas con síndrome de Down poidan participar en igualdade de condicións, a través dunha proposta formativa baseada na cooperación entre iguais que posibilite compartir e analizar as diferentes visións sobre temas de interese propostos previamente.

Froito das sinerxías entre todos os axentes implicados, a Escola Universitaria de Enfermaría do  Campus de Lugo e a Facultade de Humanidades da USC desenvolveron ao longo dos últimos meses un programa de actividades cun enfoque inclusivo, no que tiveron unha participación activa docentes e estudantes dos graos de Enfermaría de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural.

A coordinación de todo este proceso colaborativo recaeu no Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SPIU) da USC no Campus de Lugo, que xa favorecera a posta en marcha do primeiro proxecto ‘Campus Oportunidades’ xunto coa Facultade de Formación do Profesorado no curso 2022-23

A segunda edición desta iniciativa botou a andar na primeira semana do pasado mes de outubro cunha sesión de presentación, no marco da que se deu a coñecer o abano de obradoiros propostos, así como as súas temáticas e a metodoloxía de traballo. Este primeiro encontro serviu tamén para que as persoas usuarias de Down Lugo puideran visitar as instalacións universitarias de dar conta dun almorzo na cafetaría do Complexo Docente da sede universitaria luguesa.

Estea primeira actividade tería continuidade cunha posterior sesión de formación na Asociación Down Lugo, a cargo da súa responsable de Educación, Iria Pérez Cao, quen traballou co voluntariado universitario coñecementos previos, así como cuestións relacionadas con mitos e prexuízos sobre a síndrome de Down.

Desde outubro a febreiro desenvolvéronse sete obradoiros de diferentes temáticas como son o dereito á vida independente, a saúde, a autonomía persoal, as economías, as relacións persoais, a vida comunitaria, a cultura, os dereitos humanos e o cine. Unha das  actividades coas que máis puideron gozar, se cabe, foi a visita á mostra ‘PIONEIRAS. Os dereitos en Galicia: unha historia de mulleres’, que contaba cunha guía de lectura fácil para facilitar a súa accesibilidade a todos os públicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2024.