O Campus de Santiago contará con colectores de roupa de Cáritas

Dando continuidade ao compromiso da USC coa responsabilidade social, Cáritas Diocesana de Santiago instalará colectores para a recollida de material téxtil en distintos espazos do campus compostelán. Así quedou establecido este xoves tras a sinatura dun convenio por parte do reitor Juan Viaño e o director diocesano de Cáritas, José Anuncio Mouriño.
A Universidade de Santiago de Compostela desexa así contribuír ao aproveitamento de recursos para a sustentabilidade do medio ambiente e á inclusión social de colectivos desfavorecidos que leva a cabo a empresa de inserción ARROUPA, que ten por obxecto a incorporación ao mercado laboral de persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación para a mellora das súas condicións de empregabilidade. O acordo coa USC vai supor de momento a contratación de dúas persoas máis, segundo informou o director diocesano, que falou dunha previsión de 700 toneladas de roupa recollida neste ano na diocese.
Convenios coma este responden ao interese da USC en desenvolver e implantar accións que impulsen os obxectivos marcados dende a UE en relación á Estratexia 2020, que constitúe unha visión da economía social de mercado a nivel europeo para o século XXI. “Esta visión –explicou Viaño no acto- promove o crecemento económico intelixente, sostible e integrador, o que supón basear o desenvolvemento no coñecemento e a innovación, o uso máis verde e eficiente dos recursos, xerando emprego e fortalecendo a cohesión social e territorial.”
Os nove colectores iniciais están xa instalados nas facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Educación (Campus Norte) e Psicoloxía; nas residencias universitarias Burgo das Nacións e Monte da Condesa; na Biblioteca Concepción Arenal, nas vivendas dos catedráticos e no Colexio Maior San Clemente.
Ao acto de sinatura do acordo asistiron tamén a vicerreitora de Estudantes Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e a xerente de Arroupa, Isabel Fraga Castro.