O Campus Terra achega este mes formación a alumnado, PDI e axentes do sector produtivo con cursos e obradoiros
O Campus Terra da USC oferta este mes de outubro varios cursos e obradoiros abertos á participación de alumnado, PDI e axentes do sector produtivo, a través do seu programa de formación complementaria e para os que aínda permanece aberta a inscrición en liña.
Eficiencia e produtividade en explotacións agropecuarias
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC acollerá os días 25 e 26 de outubro, en quenda de 16.00 a 21.00 horas, un curso sobre técnicas de análise de eficiencia e produtividade en explotacións agropecuarias. Esta actividade de carácter semipresencial está incluída no programa de formación complementaria do Campus Terra 2023.
O profesor do departamento de Análise Económica da Universidade Autónoma de Madrid Andrés Maroto será o encargado de impartir este curso, que ofrece un máximo de 20 prazas e no marco do que se tratarán conceptos sobre eficiencia e produtividade parcial, total e multifactorial; técnicas de análises de eficiencia e técnicas paramétricas e non paramétricas.
Obradoiro elaboración de queixos
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC celebra nas súas instalacións o 26 de outubro, a partir das 9.00 horas, un obradoiro básico de elaboración de queixo que inclúe formación teórica e práctica.
A inscrición nesta actividade, incluída no Plan de Formación do Campus Terra 2023 e orientada a alumnado e tamén a axentes do sector produtivo, é de balde e xa permanece aberta en liña. As prazas son limitadas e o taller será impartido por técnicos da APLTA.
O programa formativo desenvolverase en quenda de mañá, de 9.00 a 15.00 horas. Nas sesións teóricas, as persoas participantes poderán ampliar coñecementos respecto da distinta tipoloxía de queixos: frescos, pasta branda, pasta prensada, pastas azuis, pastas floridas, pastas filatas, queixo fundido...
Metodoloxías ensino activo e innovador
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC ofrece o curso ‘Metodoloxías activas para un ensino innovador na sociedade do coñecemento’, un programa coordinado por Carmen Sarceda Gorgoso e impartido por Isabel Dans Álvarez de Sotomayor e Cristina Varela Portela, que se desenvolverá do 27 de outubro ao 3 de novembro.
Este programa, que se desenvolve na modalidade a distancia en quenda de tarde, combina sesións presenciais virtuais a través de Microsoft TEAMS de carácter expositivo e sesións de tipo asíncrono a través do campus virtual (ou dalgunha plataforma similar), onde se amosarán diversos materiais que requerirán un traballo autónomo e colaborativo.
Perfeccionamento da realidade virtual na docencia
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC organiza os días 26 e 27 de outubro, en quenda de mañá, de 10.00 a 13.30 horas, un curso de perfeccionamento da realidade virtual na docencia. Este módulo formativo está pensado para achegar ao PDI asistente os coñecementos necesarios para que poidan desenvolver actividades baseadas en vídeos 360 interactivos no campus virtual da USC.
Os contidos deste curso, coordinado polos profesores Enrique Comesaña e Gonzalo Fernández, e no que tamén intervirá como docente Fernando Pardo, son de carácter eminentemente práctico. Daquela, as dúas sesións organizadas servirán para afondar na creación de actividades docentes baseadas no emprego de vídeos 360º.
Charla divulgativa sobre IA
O catedrático e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, Senén Barro Ameneiro, ofrece este venres 27 de outubro, a partir das 12.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, o relatorio ‘Seguiremos ensinando na sociedade da intelixencia artificial?’
Barro Ameneiro reflexionará na súa intervención sobre se ChatGPT constitúe o fin da educación ou se este desenlace está máis ligado co mantemento dun modelo educativo máis propio do século XX. Neste contexto, o ex reitor da USC falará da Intelixencia Artificial como un acelerador de cambios sociais que tamén pode resultar de utilidade para aprender máis, mellor e máis rápido.
Cursos novembro
Xestión do estrés
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC promove a celebración dun obradoiro de xestión de estrés, a fin de mellorar a saúde e o rendemento académico do alumnado. Esta actividade, incluída no plan de formación complementaria do Campus Terra da USC, está coordinada por Maribel Quiroga e será impartida por Isabel Porgo Golpe os días 10 e 17 de novembro, en quenda de 12.00 a 15.00 horas, na Aula Norvet e a través da plataforma Ms Teams.
O obradoiro, para que se ofrecen un total de 30 prazas e que xa mantén aberto o prazo de inscrición en liña, achegará recursos ás persoas participantes para recoñecer que é o estrés, como distinguir o positivo e o negativo; identificar as contribucións do estrés aos trastornos do organismo, e tamén para afrontar este tipo de episodios.
Outras propostas formativas que se desenvolverán ao longo do mes de novembro son o ‘Curso avanzado de Microsoft Power BI’, que dá continuidade a un programa xa impartido, e o programa ‘Propiedade Industrial e Intelectual. Por que usar as patentes para crear valor? Casos no ámbito One Health.