Ir o contido principal

O Campus Terra afonda nas súas áreas de especialización con dez novos proxectos colaborativos de I+D

Edificio Cactus do Campus de Lugo
Edificio Cactus do Campus de Lugo
A delegada para o Campus Terra da USC, Elvira López, abre este xoves 26, ás 9.00 horas, no edificio Cactus, unha xornada de presentación de resultados das pescudas realizadas por diversos grupos de investigación do campus de especialización lugués

O Campus Terra da USC afonda nos seus eixos de especialización: Produción Vexetal e Agricultura Sostible, Produción e Saúde Animal Sostibles, Alimentación Segura e Saudable e Xestión Forestal Sostible, así como noutras áreas transversais encadradas no paradigma da bioeconomía circular, tal e como son a utilización das TICs e as ómicas, o cambio climático ou a biodiversidade e a infraestrutura verde, con dez novos proxectos de I+D froito colaboración de investigadores e equipos de traballo beneficiarios de achegas financeiras a través da primeira convocatoria de proxectos colaborativos lanzada desde o Campus Terra e cuxos resultados darán a coñecer este xoves 26, a partir das 9.25 horas, no edificio Cactus da sede universitaria luguesa, no marco dunha sesión pública que abrirá a delegada do Reitor da USC para este campus de especialización, Elvira López Mosquera.

O profesor Emilio Rafael Díaz Varela abrirá a palestra de presentcións destes proxectos colaborativos de I+D do Campus Terra cunha exposición sobre a localización e diferenciación de castiñeiros enxertados con cultivares tradicionais mediante análises espazo-temporais de imaxes aéreas e xenotipado por SSR. De seguido, Rodrigo Muiño Otero apuntará algunhas das conclusións do estudo realiazado sobre o impacto do cambio climático na saúde, benestar, eficiencia reprodutiva e calidade do leite nas explotacións de vacún de leite da provincia de Lugo.

Os efectos que produce ou pode provocar no benestar e na saúde animal e, nomeadamente, no vacún de leite a separación entre cría e nai e o período de aleitamento centrará o relatorio de Ramiro Fouz, mentres que Marcelino Maneiro falará sobre o desenvolvemento de filmes con atioxidantes catalíticos para envasado activo de alimentos. Carmen Louzao Ojeda profundará no ámbito da alimentación segura e saudable coa presentación ‘Brevetoxinas: un risco emerxente de seguridade alimentaria’.

A avaliacion do impacto do climático na presenza de fungos e micotoxinas que afectan ao sector primario galego e a agricultura de precisión con millo forraxeiro centrarán a temática das exposicións que traerán a este foro os profesors María Jesús Sainz Osés e Javier Bueno Lema, respectivamente.

A presentacion de resultados do estudo morfolóxico e xenómico do sistema ofactivo do linguado senegalés e sobre o seu cometido na reprodución en cautividade, un traballo desenvolvido por un equipo liderado por Paulino Martínez Portela, abrirá a última quenda de intervencións dunha xornada de difusión da actividade científica do Campus Terra da USC, o escenario no que o profesor Miguel Ernesto Vázquez Méndez tratará sobre o deseño óptimo de infraestruturas sostibles, e Ana Cabana Iglesia contextualizará os novos modelos de hortas en Lugo e na súa contorna cos saberes agroecolóxicos, seguridade alimentaria e resilencia local.

Cartaz coa programación da xornada de difusión de I+D
Cartaz coa programación da xornada de difusión de I+D
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2023.