Ir o contido principal

O Campus Terra estuda a contaminación ambiental derivada do uso de antibióticos ionóforos en produción animal

Esperanza Álvarez, no centro, con investigadores do grupo Uxafores, nun laboratorio da EPS de Enxeñaría da USC
Esperanza Álvarez, no centro, con investigadores do grupo Uxafores, nun laboratorio da EPS de Enxeñaría da USC
Os catedráticos do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) Esperanza Álvarez e Avelino Núñez lideran un proxecto de I+D financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación orientado a coñecer as concentracións destes compostos de uso veterinario en xurros, solos e cultivos, estudar o seu comportamiento e controlar o seu paso a cadea trófica mediante bioadsorbentes
Lugo

Investigadores do grupo Unidade Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) pertencentes ao Dpto. de Edafoloxía da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC estudan os efectos ambientais que pode provocar a contaminación derivada do uso de antibióticos ionóforos (monesina, narasina, salinomicina e lasalocid) utilizados como anticoccidios, a través dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Estes fármacos son moi tóxicos para os humanos e so se usan en veterinaria, chegando a liberarse por feces e ouriños ata un 90% do composto administrado, o cal acaba na fosa dos xurros e chega o solo mediante a aplicación destos residuos como fertilizantes, podendo acadar posteriormente as augas e cultivos. Do mesmo xeito que sucede cos fármacos empregados en saúde humana que acaban nos lodos de depuradora de aguas residuais e poden incorporarse aos solos a través da aplicación destes residuos, os antibióticos ionóforos usados en produción animal acaban concentrados nos xurros, que logo se empregan en áreas de cultivo, relata Álvarez.

O proxecto ‘Problemas ambientais do uso de antibióticos ionoforos en produción animal: Diagnóstico adsorción-desorción, efectos sobre os microorganismos e control con  bioadsorbentes’, conta con máis de 200.000 euros de financiamento do Plan Estatal de Proyectos de Generación del Conocimiento (Ministerio de Ciencia e Innovación) e ten un período de execución de tres anos, segundo indica a coordinadora do grupo de investigación Uxafores e investigadora principal do proxecto, Esperanza Álvarez. O equipo de investigación que está a desenvolver este proxecto está composto, ademais dos dous investigadores principais xa nomeados, polas Doutoras María Fernández Sanjurjo, Ana Barreiro Buján, Carolina Nebot, as estudante predoutorais Raquel Cela e Ainoa Míguez e a Técnica de laboratorio María Jesús Vázquez Celeiro. Ademais están colaborando neste proxecto investigadores das Universidades de Granada e Jaén, de dúas Universidades de Túnez e dunha de Marruecos.

O obxectivo deste traballo pasa por facer un diagnóstico sobre a presenza destes contaminantes emerxentes en xurros, solos e cultivo, estudar o seu comportamento no solo (degradación, retención), o efecto sobre os microgroorganismos e propoñer medidas de control para evitar o seu paso a cadea trófica utilizando subproductos da industria forestal (cinzas de combustión de madeira, corteza de piñeiro) e agroalimentaria (cuncha de mexillón) que actúen como bioadsorbentes destes fármacos.

A análise dos efectos ambientais provocados por este tipo de contaminantes emerxentes e dos seus potenciais riscos para a saúde humana e animal xustifica esta investigación, asegura Álvarez, quen, de seguido, indicou que a primeira fase deste proxecto centrarase na análise de xurros, solos e diferentes cultivos de diferentes comarcas de Galicia de gandería e agricultura intensiva para coñecer o grao de concentración por este tipo de substancias, así como para determinar a capacidade de adsorción e desorción (retención ou liberación) dos solos respecto dos antibióticos ionóforos usados como anticoccidios, así como os efectos negativos sobre a actividade microbiana do solo.

Unha vez recompilados estes datos respecto das propiedades e do comportamento dos solos fronte a este tipo de contaminantes emerxentes, os investigadores implicados neste proyecto do Ministerio de Ciencia e Innovación comprobarán se algúns materiais residuais/subproductos tales como cuncha de mexillón, cortiza de piñeiro ou cinzas de biomasa, poden actuar como bioadsorbentes e controlar a contaminación derivada dos antibióticos ionóforos.

A elección destes tres bioadsorbentes como potenciais inhibidores ou mitigadores da contaminación relacionada con antibióticos ionóforos apóiase en resultados de experimentación xa realizados con outros antibióticos empregados en saúde humana, dixo Álvarez, quen salientou o efecto bioadsorbente da cortiza de piñeiro e das cinzas de biomasa.

A catedrática do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Esperanza Álvarez sinalou neste senso que, o éxito destes compostos bioadsorbentes naturais fronte aos efectos nocivos dos antibióticos ionóforos, abriría múltiples posibilidades para eliminar este tipo de axentes contaminantes nos seus focos de orixe, tal e como poden ser as plantas de tratamento de lodos de depuradora, fosas de xurro ou tamén engadíndoos ao solo para potenciar a súa capacidade de retelos e evitar que pasan as augas e os cultivos.

Esta é unha liña de traballo que o equipo de Edafoloxía da EPSE desenvolve desde hai anos en colaboración cun equipo de investigación da Facultade de Ciencias de Ourense liderado polo catedrático Manuel Arias Estévez, centrada na contaminación por distintos antibióticos usados en medicina humana e veterinaria, da que xa teñen publicados varios artigos e capítulos de libro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.03.2023.