O Campus Terra estuda usos terapéuticos de compostos naturais de orixe mariño procedentes de Atacama, Europa e Filipinas
Unha investigación de doutoramento desenvolvida na Facultade de Veterinaria do Campus Terra a USC aborda os posibles usos terapéuticos de compostos naturais de orixe mariño procedente do deserto de Atacama, así como do mar de Filipinas e de diversos lagos europeos. Esta liña de traballo, orientada ao desenvolvemento de novos medicamentos, centra a tese de doutoramento 'Estudo do potencial terapéutico dos compostos de orixe mariño', realizada polo licenciado en Veterinaria Jon Andoni Sánchez Salguero baixo a dirección do catedrático do Departamento de Farmacoloxía da USC Luis Miguel Botana López e por María Amparo Alfonso Rancaño, profesora e investigadora do mesmo departamento da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo.
A tese de doutoramento que vén de presentar Sánchez Salguero aborda os posibles usos terapéuticos de compostos de orixe mariño como moléculas guía para o posterior desenvolvemento de compostos con actividade inmunosupresora, antiinflamatoria e tamén para combater os efectos que depara o mal de Alzhéimer. O traballo de investigación que deu pé a tese de doutoramento realizada por Sánchez Salguero na Facultade de Veterinaria da USC desenvolveuse en colaboración con outros grupos de investigación de Texas, de Aberdeen (Escocia), e de Niza. Asemade, as pescudas realizadas neste eido por Jon Andoni Sánchez Salguero, outrora bolseiro da Xunta de Galicia, forman parte da actividade de busca de novos medicamentos impulsada ao abeiro dos proxectos europeos BAMMBO (xa rematado) e Pharmasea, que aínda segue en activo. Tribunal de tese e cualificación O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC Ricardo Riguera foi o presidente do tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Jon Andoni Sánchez Salguero. O profesor titular de Farmacoloxía da Universidade Autónoma de Barcelona Jordi Alberola e xefa do Servizo de Reumatoloxía do Hula, Amalia Sánchez-Andrade completaron a nómina de membros do xurado, que acordou conceder a cualificación de sobresaínte cum laude á tese desenvolvida baixo o título 'Estudo do potencial terapéutico dos compostos de orixe mariño'.