Ir o contido principal

O Campus Terra instrúe contra o plaxio

Docentes e investigadores do Campus Terra, no curso sobre manexo do software Turnitin
Docentes e investigadores do Campus Terra, no curso sobre manexo do software Turnitin
A aula e-Terra acolle a formación de corenta e cinco docentes da USC en Lugo no uso da ferramenta antiplaxio Turnitin

A aula e-Terra, situada na Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC, acolle este martes 22 e mércores 23 de maio a actividade formativa ‘Uso da ferramenta antiplaxio Turnitin’ destinada a profesorado da USC en Lugo que dirixa teses de doutoramento, así como traballos de fin de grao e/ou mestrado, e que posúa a licenza para o manexo desta ferramenta, coa intención de que tome conciencia do problema ético e metodolóxico que supón o plaxio e que aprenda a manexar o software Turnitin, o cal revisa documentos na procura de contidos non orixinais.

Este curso, impartido polo profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, José Raúl Canay Pazos, ofertaba nun primeiro momento quince prazas pero debido ao alto número de solicitantes, o Campus Terra optou por ampliar o número de alumnos/as de entre todas as persoas que se inscribiron dentro do prazo establecido e que cubrían os requisitos. “En total, corenta e cinco docentes da USC no Campus Terra serán formados no manexo deste software”, afirma a xestora de Especialización da Oferta Docente do Campus Terra e organizadora do curso, Margarita Vilela. O alumnado divídese en tres quendas: aos quince que serán formados o 22 e 23 de maio, hai que sumar os trinta restantes que recibirán formación o 5 e 6 de xuño, quince en quenda de mañá e quince en quenda de tarde.

A actividade formativa ‘Uso da ferramenta antiplaxio Turnitin’ responde a cuestións tales como que é o plaxio, identificando as súas causas, así como procedementos de detección e prevención; e amosa como se xestiona a conta deste software, entre outros contidos que se reparten ao longo de doce horas, seis das cales realízanse a través do campus virtual, mentres que as outras seis son presenciais.

Dende marzo de 2018, a USC posúe 2.000 licenzas da ferramenta antiplaxio Turnitin, das cales 340 pertencen a docentes do Campus Terra. Estas licenzas son repartidas polos propios centros entre o seu profesorado co obxectivo de que cada profesor/a que dirixa teses de doutoramento, así como traballos de fin de grao e/ou mestrado, dispoña dunha licenza de instrutor/a que lle permita detectar traballos potencialmente fraudulentos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2018.