Ir o contido principal

Campus Terra, unha opción universitaria “intelixente”

Estudantes participantes na segunda xornada dos 'Encontros no Campus Terra de Lugo', no auditorio de Veterinaria
Estudantes participantes na segunda xornada dos 'Encontros no Campus Terra de Lugo', no auditorio de Veterinaria
Uns 300 alumnos de secundaria de 11 centros de ensino visitan a sede universitaria luguesa a través do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’

Uns 300 estudantes de ensino medio procedentes de 11 centros educativos da provincia de Lugo (CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla; CPI Tino Grandío, de Guntín; IES Marqués de Sargadelos, de Cervo; IES Xoán Montes, de Lugo; CPR San José, de Lugo; IES San Xillao, de Lugo; IES Gregorio Fernández, de Sarria; CPR Divina Pastora-Salesianos, de Lugo; IES de Monterroso, IES de Becerreá e CIFP As Mercedes, de Lugo) visitaron este venres os distintos centros universitarios de Campus Terra da USC, a través do programa Encontros no Campus Terra de Lugo, unha xornada orientada a dar a coñecer a súa oferta de estudos e servizos guesa a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ nesta sede universitaria, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde Bueno e López, logo de recomendar o Campus Terra como “opción universitaria intelixente, acreditada polo prestixio do que goza a USC”, fixeron unha presentación xenérica do campus. De seguido, varios estudantes universitarios ofreceran aos asistentes a súas particulares visións do Campus Terra e relataron algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

Bueno destacou na súa intervención as múltiples oportunidades e as vantaxes que ofrece ao estudantado o Campus Terra da USC, a cuarta sede universitaria galega cunha maior taxa de alumnado internacional, o que constitúe unha “convivencia enriquecedora”. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo apuntou tamén algún dos obxectivos que pretende a USC para a súa sede luguesa a través do proxecto de especialización Campus Terra, ao tempo que destacou o selo de calidade que implican os títulos universitarios expedidos pola USC, “unha universidade que persigue a excelencia” .

Unha vez rematada esta sesión, os estudantes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros.

O obxectivo desta xornada, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno”, dixo.

Bueno e López, no acto de benvida ofrecido ao alumnado de ensino medio

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2017.