Ir o contido principal

O Campus Terra da USC acolle este mes a conferencia sobre Tecnoloxía de Alimentos do IV Global ImasT2016

Cartaz do evento Global ImasT2016
Cartaz do evento Global ImasT2016
A sesión do evento de emprendemento e innovación programada en Lugo desenvolverase o día 23 de novembro no auditorio da Casa do Saber

O auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC acubillará o vindeiro 23 de novembro a conferencia de Tecnoloxía de Alimentos da cuarta edición do Global ImasT2016, un evento de emprendemento e innovación orientado a mellorar o grao de competencia e de innovación que se celebra de xeito simultáneo en 13 cidades españolas e no que participan empresas, universidades, inversores e administracións públicas.

A vicerreitora de Investigación e Innovación da USC,Isabel Rodríguez-Moldes Rey , o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e José Manuel Cotos Yáñez, adxunto ao reitor da USC para Transferencia, Innovación e Emprendemento, serán os encargados de abrir a sesión programada no edificio Cactus da sede universitaria luguesa. Este mesmo escenario acubillará de seguido unha mesa redonda co título ‘Gobernanza, cultura e talento’, na que intervirán como relatores a Vicerreitora de Transferencia e Innovación da Universidade de Zaragoza; o director de GCiencia, Eduardo Rolland Etchvers, e Carlos Herrero Latorre, profesor da área de Química Analítica na Facultade de Ciencias da USC. Mercado, financiación e coñecemento centrarán a temática do segundo coloquio organizado no marco da Global ImasT2016, unha sesión que contará como relatores co director xeral de Feiraco, José Luis Antuña; o director xeral do Igape, Javier Aguilera Navarro, e co responsable de I+D+i da spin off da USC Innolact SL. Global ImasT Global ImasT é o evento máis importante de emprendemento e innovación que se celebra entre as universidades e as empresas, investidores e administracións públicas en España coa finalidade de dinamizar o ecosistema de innovación. Desde 2013 presentáronse a investidores máis de 150 proxectos no marco deste foro, que xa contabiliza uns 200 relatores convidados e máis de 3.000 participantes ou seguidores. Nesta cuarta edición, o Global ImasT, un evento que se transmitirá de xeito íntegro e gratuíto por streaming a través da súa web, contará coa participación de máis de 120 expertos internacionais de recoñecido prestixio e investigadores pertencentes ás máis de 10 universidades e centros de investigación asociados ao Global I+T. A apertura do evento correrá a cargo de Raúl Mata, fundador do grupo eGauss Business Holding IT, e Daniel Isenberg, profesor BabsonCollege e creador do proxecto ‘BEEP-BabsonEntrepreneurship Ecosystem Project’. De seguido, o xornalista Iñaki Gabilondo pronunciará o relatorio inaugural.

O presidente da International Association of ScienceParks and Areas of Innovation (IASP), Josep M. Piquei; o director xeral de RedEmprendia, Senén Barro; Emma Fernández, managingpartner en KleinrockAdvisors e ex sénior executive vice-presidente en Indra; a directora xeral da Asociación Española para a Calidade, Marta Villanueva; Rodrigo Recondo, presidente do Instituto de Capital Risco (INCARI), e Javier García Martínez, premio MIT TechnologyReview aos investigadores menores de 35 anos, tamén estarán presentes nas distintas sesións plenarias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2016.