Ir o contido principal

O Campus Terra da USC acolle unha reunión do proxecto europeo Afinet, para impulsar a agricultura sustentable adaptada ao clima

O vicerreitor Andrés Barreiro e a coordinadora deste proxecto, a profesora Rosa Mosquera, abrirán a sesión de traballo, ás 13.30 horas, na Escola Politécnica Superior

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC acolle este xoves, a partir das 13.30 horas, unha reunión de traballo do proxecto europeo Afinet, unha iniciativa orientada a impulsar a agricultura sustentable adaptada ao clima, tamén chamada agricultura climaticamente intelixente, en Europa, a través do fomento e da posta en marcha de prácticas agrícolas e forestais innovadoras adaptadas e acaídas aos distintos contextos locais.

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro; a coordinadora do proxecto Afinet, a presidenta da Federación Agroforestal Europea e profesora da USC, María Rosa Mosquera Losada; o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta, e o director do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Martín Barrasa, participarán na sesión inaugural deste foro, no que se agarda a participación de máis de 30 representantes de institucións académicas e centros de investigación de nove países europeos (España, Portugal, Reino Unido, Finlandia, Polonia, Francia, Italia, Hungría e Bélxica).

Esta xuntanza de traballo do proxecto Afinet, unha actuación que conta con tres millóns de euros de financiamento e cuxo prazo de execución remata en 2010, congregará tamén na Escola Politécnica Superior de Lugo a varios asesores externos do citado proxecto, como o son Fabio Cossu , representante de la EIP-Agri da Comisión Europea; P.K. Ramachandran Nair, experto en sistemas agroforestais da Universidade de Florida; Vimala D. Nair, experta en análise de solos en sistemas agroforestais; Anastasia Pantera, decana da Facltade TEI Steras Elladas, de Grecia, e o presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Eloi Villada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2017.