Ir o contido principal

O Campus Terra da USC avanza no estudo de compostos metálicos con potenciais aplicacións como axentes antitumorais

Rosa Carballido, no centro, coas directoras da súa tese e membros do tribunal
Rosa Carballido, no centro, coas directoras da súa tese e membros do tribunal
A tese presentada en Ciencias por Rocío Carballido e dirixida polas profesoras Ana González, Rosa Pedrido e Laura Rodríguez proba a baixa toxicidade destes sistemas

Investigadores da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC avanzan no estudo de compostos metálicos con potenciais aplicacións como axentes antitumorais ou antioxidantes, unha liña de investigación que centra a temática da tese de doutoramento que vén de presentar a enxeñeira Química Rocío Carballido Piñeiro baixo o título ‘Arquitecturas supramoleculares autoensambladas derivadas de hidrazona, carbamato e tiosemicarbazona’.

Esta tese de doutoramento, dirixida polas profesoras da Facultade de Química da USC Ana González e Rosa Pedrido, así como pola tamén docente da USC na Facultade de Ciencias de Lugo, Laura Rodríguez, aborda a síntese e o estudo de compostos metálicos que presentan diferentes arquitecturas metalosupramoleculares (helicatos, mesocatos…), derivadas de moléculas orgánicas do tipo bishidrazona, biscarbamato, bistiosemicarbazona e tristiosemicarbazona. A begotina Rocío Carballido Piñeiro centrou as pescudas realizadas ao abeiro da súa investigación de doutoramento nalgúns compostos metálicos preparados para realizar estudos pola súa potencial aplicación como axentes antitumorais ou tamén como antioxidantes. Daquela, Carballido Piñeiro desenvolveu diversos ensaios de citotoxicidade en eritrocitos humanos, así como outros estudos relativos á súa interacción con diversas proteínas e oligonucleótidos. Os resultados das investigacións feitas por Rocío Carballido demostraron o baixo nivel de toxicidade que presentan os sistemas previamente seleccionados para este estudo, unha características que os converte en candidatos altamente acaídos para a súa proba e testaxe como fármacos antitumorais fronte a diversas liñas celulares. Rocío Carballido estudou asemade no marco da súa investigación de doutoramento as posibilidades que ofrece un composto de cobre como catalizador biomimético da enzima catalasa e que, tralas conclusións acadadas, resulta ser un altamente eficiente fronte ao estrés oxidativo. Tribunal de tese e cualificación O profesor emérito do Departamento de Química Inorgánica da USC Manuel Rafael Bermejo Patiño presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Rocío Carballido. Ana Isabel Matesanz García e Delfina Couce Fortúnez, docentes encadradas no mesmo departamento da USC completaron a composición do tribunal, que cualificou con sobresaínte cum laude a investigación de doutoramento desenvolvida por Carballido Piñeiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2016.