Ir o contido principal

O Campus Terra da USC celebra a partir do 20 de novembro a súa International Week

Cartaz da International Week do Campus Terra da USC
Cartaz da International Week do Campus Terra da USC
Distintos centros universitarios acollerán espazos expositores para fomentar a mobilidade internacional entre as 12.00 e as 14.00 horas

O alumnado internacional do Campus Terra da USC presentará ao longo da semana do 20 de novembro, en distintos centros do campus lugués, os seus respectivos países de orixe coa intención de fomentar a mobilidade e concienciar deste xeito aos seus compañeiros e compañeiras do relevante que pode ser nas súas vidas completar a súa formación nun país distinto do que proceden.

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas abrirá esta International Week o vindeiro luns 20 de novembro coa instalación dun espazo no centro entre as 12.00 e as 14.00 horas. Alumnos e alumnas procedentes de India, Francia, Arxentina, Guinea Ecuatorial, Colombia e México que estudan tanto na propia facultade de ADE, como en Ciencias, atenderán este stand coa intención de achegar as súas respectivas culturas ao alumnado do campus. Ademais, alumnos españois que gozaron de estancias en Bélxica e Polonia tamén estarán no espazo expositor.

Responsables do Servizo de Integración e Participación Universitaria, Servizo de Relacións Exteriores, Centro de Linguas Modernas e a Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra pronunciarán o martes 21, na aula e-Terra situada na Biblioteca Intercentros, entre as 12.30 e as 14.30 horas, distintos relatorios nos que afondarán nos beneficios da mobilidade internacional.

O mércores 22 de novembro será a quenda da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, onde alumnado procedente de Alemaña, Brasil, Xordania, Tunisia e Colombia, contará co seu propio espazo expositor tamén entre as 12.00 e as 14.00 horas. Con idéntico horario aos outros centros, o xoves 23 de novembro, será a quenda das Facultades de Humanidades, Enfermaría e Relacións Laborais, cando o complexo docente acolla un espazo expositor con alumnado procedente de Portugal, Italia, Turquía e México.

A International Week completarase, o sábado 25 de novembro, co roteiro Lugo-A Fervenza-Castro de Viladonga, dirixido tanto ao alumnado internacional como a todo o alumnado que participa no Buddy Program, o programa do Campus Terra da USC no que os alumnos e alumnas se inscriben para contribuír á integración no campus e na cidade do alumnado procedente doutras partes do mundo. O principal obxectivo deste roteiro consiste en achegarse ao rural e ao seu patrimonio tanto material como inmaterial. Esta actividade estará guiada polos profesores da USC no Campus Terra, Ana Cabana, Juan Ortiz e Elena Freire.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2017.