Ir o contido principal

O Campus Terra da USC e a Deputación de Lugo desenvolverán un proxecto de micoturismo no xeodestino Ancares-Courel

De esquerda a dereita, Alonso, Vidal, Bueno e Rigueiro, na presentación do proxecto
De esquerda a dereita, Alonso, Vidal, Bueno e Rigueiro, na presentación do proxecto
A Deputación achega 35.000 euros para a primeira anualidade dunha actuación con continuidade no tempo, sinalou o deputado Eduardo Vidal na presentación do plan

O Campus Terra da USC e a Deputación Provincial de Lugo desenvolverán un proxecto de micoturismo no xeodestino Ancares-Courel, tal e como avanzaron este mércores o deputado provincial delegado da Área de Cultura e Turismo, Eduardo Vidal Baamonde; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o profesor da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, e o investigador e presidente da Sociedade Micolóxica Lucus de Lugo, Julián Alonso.

O obxectivo deste proxecto, que arranca cunha achega orzamentaria de 35.000 euros para o ano 2017, pero que terá continuidade e apoios no tempo, segundo indicou Vidal Baamonde, é o de fomentar e desenvolver o turismo micolóxico (micoturismo) e de natureza no xeodestino Ancares-Courel. Os promotores deste proxecto, que será desenvolvido por un equipo liderado por Antonio Rigueiro e Rosa Mosquera, profesores e investigadores do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, traballarán a prol da creación e posterior oferta dun paquete turístico atractivo que mesture a micoloxía nas súa diversas facetas (estudo científico, micogastronomía, fotografía, sendeirismo, turismo rural...) coa posibilidade de goce sustentable da riqueza e biodiversidade natural, paisaxística, cultural, gastronómica e patrimonial que ofrece o territorio, a din de convertelo así nun elemento de dinamización económica e social capaz de frear a “sangría demográfica”, sinalou Rigueiro, para logo engadir que esta acción “reportará máis actividade á Estación Científica do Courel”.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, salientou que a temática deste novo proxecto froito da colaboración de dúas administración é moi acaída ás liñas estratéxicas do Campus Terra da USC, xa que busca a posta en valor da natureza e dos recursos que ofrece o territorio, a través da súa xestión sustentable. Bueno sinalou asemade o crecente interese que está a espertar a micoloxía, ben debido á súa importancia ecolóxica, nutricional, gastronómica ou como activo lúdico turista. O valor económico que xera este sector non é menor, segundo dixo Vidal Baamonde, quen lembrou que algúns autores cifran en máis de 100 millóns de euros a economía xerada pola recollida de fungos silvestres en Galicia.

Diagnóstico

Analizar e facer un diagnóstico das posibilidades do micoturismo na provincia de Lugo e as necesidades para o seu desenvolvemento nas comarcas do Courel e dos Ancares, constitúe unha das prioridades deste proxecto, co que tamén se busca establecer sinerxías e implicar no proxecto aos distintos axentes administrativos, sociais, económicas, culturais e científicos, ademais de definir as estratexias necesarias para favorecer o turismo micolóxico e a súa implantación.

Para conseguir estes obxectivos, logo de facer a análise DAFO, estableceranse reunións e contactos con axentes que necesariamente se deben implicar para o desenvolvemento deste proxecto, farase un estudo e un inventariado da biodiversidade micolóxica do territorio, así como unha estimación da súa produtividade real e potencial, con especial atención ás especies comestibles.

A promoción de actuacións formativas e divulgativas en colaboración con outras administracións, agrupacións e empresas do territorio, así como a promoción deste enclave natural e a publicación e difusión dos resultados obtidos no marco deste estudo, son outras das actividades previstas nunha iniciativa aberta tamén á organización de eventos científicos de natureza, así como outras accións culturais e festivas.

Estudo científico

O convenio establecido entre Deputación e USC para o desenvolvemento desta actuación permitirá acometer un minucioso estudo científico sobre a importancia da micoloxía na provincia, concretamente na Montaña lucense, dende o punto de vista do aproveitamento turístico.

Deste xeito, analizaranse as fortalezas e oportunidades, que se basean na riqueza natural, paisaxística, etnográfica, cultural, así como na ampla biodiversidade e na existencia de infraestruturas de turismo, establecementos e empresas ecoturísticas; debilidades e ameazas, todas relacionadas coa demografía regresiva, escasa formación micolóxica dos establecementos ou difíciles conexións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2017.