Campus Terra da USC e Deputación de Lugo organizan un curso práctico sobre cociña e tratamento dos cogomelos no Courel
O Campus Terra da USC e a Deputación Provincial de Lugo celebrarán os días 26 e 27 de setembro un curso práctico sobre cociña, tratamento, preparación e conservación de cogomelos. Esta actividade formativa, de inscrición libre e de balde para todas as persoas interesadas, está incluída no proxecto ‘Actuacións e desenvolvemento do micoturismo no xeodestino Ancares-Courel’, un programa coordinado polo catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez.
Este curso, cuxas sesións teóricas e prácticas se desenvolverán en quenda de tarde, de 17.00 a 19.30 horas, nas instalacións do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel, está orientado principalmente aos profesionais da hostalaría ou restauración na comarca courelá interesados en introducir ou incorporar na súa cociña preparacións con cogomelos.
Os contidos deste programación formativo son amplos e, logo dunha breve descrición das especies comestibles de cogomelos principalmente utilizadas na cociña, abranguen cuestións referidas á recepción, limpeza, técnicas de preparación e conservación, aspectos legais a ter en conta no uso de cogomelos na alimentación, ademais da elaboración de diversos menús básicos con cogomelos.
O chef do Restaurante España de Lugo, Héctor López, será o encargado de impartir o curso ‘A cociña dos cogomelos: tratamento, conservación e preparación’, un programa no que tamén colaborará o especialista en micoloxía e técnico do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Julián Alonso.
As persoas interesadas en participar nesta acción formativa, en cuxa organización tamén colaboran coa USC e a Deputación de Lugo a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, o Concello de Folgoso do Courel, ademais do CPI Poeta Uxío Novoneyra, poden solicitar a súa inscrición a través dos enderezos de correo electrónico triegas [at] gmail.com (triegas[at]gmail[dot]com) ou julian.alonso [at] usc.es (julian[dot]alonso[at]usc[dot]es). Tamén se pode obter máis información chamando en quenda de mañá ao número de teléfono 982 823 137.