O Campus Terra da USC desenvolve un método para cuantificar as emisións de carbono derivadas da degradación forestal
O doutor enxeñeiro de Montes formado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, César Pérez Cruzado, o único investigador da USC contratado cunha bolsa do programa Marie Curie no Campus Terra da USC, está a traballar xunto con outros investigadores da Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) no desenvolvemento dunha nova metodoloxía para cuantificar as emisións de carbono debidas á degradación dos bosques.
A liña de investigación na que traballa Pérez Cruzado e na que tamén participan, entre outros, os catedráticos do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC Juan Gabriel Álvarez e Roque Rodríguez Soalleiro, encádrase no marco do proxecto QUAFORD (“Towards a worldwide quantification of forest degradation”), que conta con 170.000 euros de financiamento da UE e cuxa finalidade pasa por desenvolver métodos eficientes para calcular a degradación dos bosques e avaliar o seu impacto nas emisións de carbono. A redución da deforestación E a degradación forestal son as dúas actividades contempladas polos acordos internacionais para compensar emisións de carbono no marco do programa REDD+ nas Nacións Unidas, pero segundo Pérez Cruzado, estes mecanismos céntranse case exclusivamente nas actividades de deforestación, debido á complexidade da determinación do grao de degradación dun bosque.
A perda da capacidade dos bosques para xerar bens e servizos é o que se coñece como degradación forestal, un concepto complexo que vai máis aló dos procesos de deforestación, xa que o seu efecto non pode monitorizarse mediante o cambio na dimensión das superficies forestais. A estimación certeira do grao de degradación forestal dun bosque achega información sobre o carbono emitido a atmosfera, sinala Pérez Cruzado.
Medir a degradación forestal non é un proceso doado, sostén este investigador asturiano, que cuestiona a eficiencia e a operatividade dos actuais sistemas de cálculo, nos que se require a análise da información compilada en inventarios forestais permanentes. A diferencia, o método no que está a traballar a UXFS da USC permitiría aos organismos competentes estimar o estado de degradación a partir da información achegada nun único inventario, podéndose fixar desta forma con maior rapidez as áreas de actuación prioritarias para as actividades de restauración.
As hipóteses de estudo do novo método para cuantificar as emisións de carbono derivadas da degradación forestal xa están establecidas, sinala César Pérez Cruzado. Este investigador precisa que a nova proposta baséase en dous modelos, un no que se determina o nivel de produtividade dun bosque a partir das características actuais do mesmo, para, nunha segunda fase, estimar o stock máximo de carbono en condicións de non degradación e comparalo co stock existente na actualidade.
Reducir as emisións de carbono asociadas á deforestación e á degradación forestal é moi importante para combater o cambio climático e limitar o quecemento global, apunta este investigador da Unidade de Xestión Forestal Sostible do Campus Terra da USC, un grupo que está a validar os seus modelos de cálculo de degradación forestal en bosques de varios países do mudo de América, África, Asia e Europa, todo elo no marco da colaboración entre a UXFS e a División Forestal da FAO no proxecto QUAFORD.
De xeito parello ás pescudas realizadas no marco deste programa de carácter internacional, os investigadores da Unidade de Xestión Forestal Sostible do Campus Terra da USC tamén están a desenvolver outro proxecto de I+D que conta con financiamento do Plan Nacional de I+D+i e que está orientado a validar a metodoloxía proposta para a determinación do estado de perturbación dos bosques españois en base ao Inventario Forestal Nacional.