Ir o contido principal

O Campus Terra da USC estreita ligazóns con universidades e centros de referencia do eido agroalimentario en Indonesia

Participantes nas xornadas interunviersitarias que se desenvolven na Bogor Agricultural University de Indonesia
Participantes nas xornadas interunviersitarias que se desenvolven na Bogor Agricultural University de Indonesia

O Campus Terra da USC iniciou este mércores 29 de marzo unha visita de dúas semanas a Indonesia a través da cal se pretende coñecer de primeira man o sistema universitario do país, así como estreitar ligazóns con distintos centros de referencia no eido agroalimentario.

O xestor de Internacionalización do Campus Terra da USC, Pedro Fiz Rocha aproveitará a súa participación nestas xornadas para asistir a un workshop na Bogor Agricultural University, no marco do que distintos expertos farán unha aproximación á internacionalización no ámbito universitario.

A creación de consorcios, a busca de financiamento para o posterior desenvolvemento de proxectos, a cooperación institucional ou as claves para poder definir unha estratexia acaída de internacionalización, serán algunhas das cuestión obxecto de análise e debate neste obradoiro de expertos, unha sesión na que tamén se tratarán cuestións relativas á empregabilidade no contexto internacional.

O xestor de Internacionalización do Campus Terra da USC aproveitará a súa estadía en Indonesia para visitar ao longo da semana do 3 de abril diferentes universidades do país, nas que realizará unha presentación da oferta académica, así como dos servizos e das distintas plataformas de investigación que agroma o Campus Terra da USC, o campus da Universidade de Santiago de Compostela especializado na sustentabilidade social, económica e medioambiental do uso da terra.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2017.