Ir o contido principal

O Campus Terra da USC presenta a súa oferta académica en Edugal

Expositor do Campus Terra da USC na feira Edugal, en Pontevedra
Expositor do Campus Terra da USC na feira Edugal, en Pontevedra
O Salón da Oferta de Educación e Formación en Galicia mantén abertas as súas portas ata este venres no Recinto Feiral de Pontevedra

O Campus Terra da USC dispón dun espazo expositor a través do que dar a coñecer as novidades da súa oferta académica para o curso 2018-2019 na sétima edición do Salón da Oferta de Educación e Formación en Galicia (Edugal) que comezou este mércores e no que ao longo de tres días os máis de cincuenta espazos expositores participantes agardan recibir a visita de sesenta centros, con máis de 2000 estudantes confirmados, no Recinto Feiral de Pontevedra.

O Grao en Paisaxe que será impartido na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría é a gran novidade da oferta de grao do vindeiro ano académico no Campus Terra da USC. Trátase do primeiro título de grao oficial interuniversitario de Galicia, estruturado en 240 créditos ECTs distribuídos en catro cursos. Os dous primeiros cursaranse na EPS de Enxeñaría, mentres que os dous últimos corresponderanlle á Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña. En total, o Campus Terra, a sede da USC especializada na sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra, oferta quince graos e dous dobres graos que abarcan todas as áreas de coñecemento.

Ademais do espazo expositor ao que o alumnado se achegou para preguntar as súas dúbidas e que está atendido pola xestora de Especialización da Oferta Docente do Campus Terra Margarita Vilela e a xestora de Comunicación Natalia Alonso; distintos profesores do campus acudiron a Edugal na súa xornada inaugural para presentar a oferta dos seus respectivos centros. Este foi o caso do coordinador do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC e profesor da EPSE, Francisco Javier López, a directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais, Mercedes Montes, e a vicedecana de Ordenación Académica e Estudantes da Facultade de Veterinaria, Izaskun Ibarguren; os cales impartiron charlas de orientación universitaria nas que afondaron nos detalles das titulacións que ofertan as súas respectivas facultades e escolas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2018.