Ir o contido principal

O Campus Terra da USC promove a celebración dun obradoiro xuvenil de viticultura de precisión nas Adegas Terras Gauda

A spin-off da USC 3edata participa con outras empresas e centros de investigación na organización deste taller, que se desenvolverá o 6 de novembro

O Campus Terra da USC promove xunto con outras empresas e centros de investigación a celebración do obradoiro xuvenil de viticultura de precisión que se desenvolverá o vindeiro luns 6 de novembro na sede de Adegas Terras Gauda e no que participarán estudantes do Colexio Público Integrado Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis.

O taller sobre viticultura de precisión programado na sede da Adega Terras Gauda conta con 5 actividades relacionadas co cultivo e a xestión do viñedo, nas que as novas tecnoloxías e avances científicos son protagonistas. Daquela, no marco destas sesións ensinaranse aspectos relacionados coa luz e as cores das vides, ou como as plantas responden fronte á luz. Tamén se mostrará como os drons, as tablets e diferentes sensores se converten en ferramentas útiles para la xestión d viñedo. O programa de actividades inclúe tamén a degustación de mostos elaborados a partir de diferentes variedades de uva, a fin de que os escolares aprendan a descubrir as súas diferencias organolépticas.

Os investigadores do Campus Terra da USC organizan esta actividade divulgativa en colaboración con outras tres empresas e centros de investigación, tal e como o son 3edata enxeñaría ambiental, Adegas Terras Gauda, Seresco, Misión Biolóxica de Galicia, Centro de Automática e Robótica do Consello Superior de Investigacións Científicas. Trátase asemade dunha das accións incluídas no abano de actuacións promovidas polas empresas e entidades organizadoras no marco do Grupo Operativo Autonómico (Feader 2016/05B) e do Grupo Operativo Suprautonómico Robodronvi.

O referido Grupo Operativo Autonómico está desenvolvendo un proxecto centrado na viticultura de precisión denominado ‘Integración de datos multiespectrais e agroclimáticos na xestión dun viñedo para a toma de decisións en viticultura’, que recibe finanicación do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

O Grupo Operativo Suprautonómico Robodronvi ten como obxectivo impulsar a aplicación da robótica (aérea e terrestre) como ferramenta que facilite a toma de decisións operativas nas explotacións vitícolas por parte de viticultores e técnicos. Os dous grupos están encadrados na Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade y sustentabilidade agrícola (AEI-AGRI), na que apoian proxectos pilotos para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2017.