Ir o contido principal

O Campus Terra da USC revisará a saúde e o grao de conservación das especies incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras

A carballeira de Muimenta é unha das formacións arbóreas incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras
A carballeira de Muimenta é unha das formacións arbóreas incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras
O grupo de Sistemas Silvopastorais da USC fará fichas técnicas de cada exemplar ou formación arbórea con información relevante que estará accesible a través dunha App

O Grupo de Investigación GI-1648 Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC ocuparase de revisar o estado de saúde e o grao de conservación das árbores e formacións arbóreas incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, en virtude do convenio asinado para este cometido entre a Xunta de Galicia e a USC por un importe de 48.000 euros.

O cometido encomendado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia ao grupo de investigación da USC dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro a través deste contrato, cuxo prazo de execución de 15 meses se estende ata a primavera de 2019, pasa por, ademais de revisar o estado de saúde de conservación dos exemplares e formacións en cuestión, achegar cumprida información que sirva para a actualización do Catálogo galego de árbores senlleiras.

A elaboración de propostas razoadas para a inclusión de novos monumentos vexetais no citado catálogo para proceder a súa difusión pública e, en consecuencia, favorecer a súa conservación e preservación é outro dos labores que deberán realizar os investigadores do grupo de Sistemas Silvopastorais da USC, que atopa a súa sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

O catedrático Antonio Rigueiro explicou asemade que os investigadores da USC deberán achegar á Xunta de Galicia en virtude deste contrato fichas técnicas con información completa de cada exemplar ou formación catalogada, ademais dunha ficha divulgativa na que se proceda a indicar aqueles datos máis relevantes de cada un deles. A maiores, o grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da USC tamén fará unha ficha de cada exemplar e de cada formación arbórea singular orientada para o futuro desenvolvemento dunha aplicación informática (App) que permita coñecer todos estes datos a través de teléfonos móbiles androide.

O Catálogo galego de árbores senlleiras, creado en virtude da Lei 9/2001 de 21 de agosto como rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, inclúe aqueles exemplares que polos seus valores naturais, culturais, científicos, didácticos, estéticos ou paisaxísticos, requiren da súa conservación. Así, desde a súa creación en 20107, fóronse incorporando elementos, ben por iniciativa da Administración ou dos propietarios das árbores ou de asociacións, entidades públicas ou privadas ou centros de investigacións, aqueles que foron valorados seguindo criterios básicos e métodos obxectivos, como merecentes de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia. Na actualidade o citado catálogo contabiliza 187 monumentos vexetais: 150 árbores e 37 formacións.

Unha vez incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, a súa descatalogación só é posible como consecuencia da morte biolóxica ou da perda dos valores que motivaron a súa inclusión, razón pola que se cabe se antolla aínda máis pertinente este tipo de revisións, xa que permiten advertir e avaliar posibles cambios na estrutura externa das árbores derivados paso do tempo (grosor, altura, perímetro do tronco ou diámetro da copa) ou en aspectos fisiolóxicos ou mecánicos e dos datos dendrométricos. Esta nova información servirá de apoio para a actualización do Catálogo a través da incorporación de novos elementos ou pola contra, para a descatalogación doutros, ademais de achegar coñecemento sobre as ameazas, así como sobre as medidas de conservación aconsellables en cada caso.

A conservación destas árbores e formacións senlleiras, como elementos integrantes do patrimonio natural e cultural, precisa ao mesmo tempo do seu coñecemento e recoñecemento pola sociedade. Este enfoque participativo pode acentuarse a través das novas tecnoloxías, que facilitan o acceso a información básica sobre as características das árbores ou formacións, valor histórico, cultural didáctico e científico, fotografías, situación e integración en espazos naturais protexidos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2018.