Ir o contido principal

O Campus de Verán de Sarria celebra en xullo un curso de educación emocional

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

‘Educación emocional e comunicación non violenta na sociedade da información. Bulling, ciberbulling e violencia de xénero’,é a temática do curso que se desenvolverá este verán no Concello de Sarria, entre o 13 e o 17 de xullo, e durante o que se tratará de determinar que é a educación emocional e cales son os seus obxectivos e contidos.
Así, analizarase o papel da educación emocional na prevención da violencia en xeral e do maltrato escolar e da violencia de xénero, en particular. Dirixido por María Lina Iglesias Forneiro, ao longo das sesións tamén se abordará o concepto de maltrato entre iguais, as súas características e os seus efectos así como as distintas modalidades que pode adoptar.
Tratarase tamén a relación entre sexismo, violencia de xénero e maltrato escolar e presentaranse propostas de intervención efectivas neste ámbito. O papel socializador dos medios de comunicación con respecto á educación emocional é outro dos asuntos presentes no programa co fin de ofrecer aos asistentes coñecementos e habilidades para a resolución de conflitos desde unha perspectiva emocionalmente intelixente.
A taxa xeral de matrícula para este curso de 35 horas é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición vía internet xa está aberto. A presencial será posible ata o 3 de xullo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2009.