Ir o contido principal

O Campus de Verán XuvenCiencia citará en Lugo estudantado de ESO, BAC e ciclos medios de FP do 2 ao 8 de xullo

Participantes nunha edición pasada do Campus de Verán XuvenCiencia
Participantes nunha edición pasada do Campus de Verán XuvenCiencia
O programa de convivencia e divulgación científica promovido polo grupo XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC ofrece na súa undécima edición 95 prazas en réxime de aloxamento e pensión completa. O prazo de inscrición comeza o 5 de maio e permanecerá aberto unha semana
Lugo

O Campus de Verán XuvenCiencia promovido polo Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC ofrece un total de 95 prazas en réxime de aloxamento e pensión completa para alumnado de cuarto curso de ESO, Bacharelato e ciclos medios de Formación Profesional para a undécima edición desta iniciativa de convivencia e divulgación científica, un programa que se desenvolverá do 2 ao 8 de xullo na sede universitaria luguesa.

Ao igual que nos últimos anos, o Campus de Verán XuvenCiencia incluirá obradoiros, visitas a centros de investigación do Campus Terra da USC e da contorna da cidade e tamén actividades de lecer. Asemade, o alumnado poderá elixir entre proxectos de tipo biosanitario, científico experimental, de ciencias sociais e humanidades, nos que se achegarán ao día a día da investigación académica que se realiza na USC.

O programa do Campus de Verán XuvenCiencia céntrase na realización de proxectos científicos e obradoiros e complétase con outras actividades como xincanas, visitas, concursos, unha festa de despedida... e algunha sorpresa máis. A distribución do alumnado nas distintas actividades programadas responde ás preferencias indicadas nas solicitudes. As persoas beneficiarias deste campus estival poderá gozar un amplo abano de actividades lúdicas, a partir das 18.00 horas, co programa de lecer de Lumieira Acompaña.

O prazo de preinscrición para tomar parte nesta xa consolidada iniciativa estival abrirá o 5 de maio a partir das 15.00 horas. As persoas interesadas poderán formalizar a súa solicitude de xeito telemático a través do formulario habilitado na web de Xuvenciencia ao longo dunha semana.

A metade das prazas ofertadas nesta edición do Campus de Verán XuvenCiencia asiganarase seguindo a orde de preinscrición, mentres que a outra metade será sorteada entre todas as persoas que teñan presentada a solicitude, a fin de garantir así a igualdade de oportunidade entre todo o estudantado a expensas do seu lugar de residencia, explica a coordinadora do grupo XuvenCiencia, Mercedes Novo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2023.