Ir o contido principal

Campus Vida aspira a reforzar a súa cualificación como Campus de Excelencia Internacional

Campus Vida aspira a reforzar a súa cualificación como Campus de Excelencia Internacional
Campus Vida aspira a reforzar a súa cualificación como Campus de Excelencia Internacional

Campus Vida busca reafirmarse na súa consideración como Campus de Excelencia Internacional na segunda convocatoria deste programa do Ministerio de Educación. A USC aspira agora a alcanzala referencia global, mérito que só obtiveron 5 dos 9 Campus de Excelencia concedidos en 2009. O reitor compostelán Juan Casares Long presentou este martes en Madrid o proxecto da USC, único dos destacados no ámbito rexional na convocatoria de 2009 que aspira á recualificación. Xustificou o reitor a concorrencia de Campus Vida a esta segunda convocatoria na evolución experimentada polo proxecto nos últimos meses, “madurou e creceu, avanzando cualitativa e cuantitativamente na totalidade dos seus eixos de actuación”. Como novidades, o proxecto compostelán suma tres novos apoios estratéxicos como son o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, a Facultade de Veterinaria e os centros de investigación biomédica do Servizo Galego de Saúde nos complexos hospitalarios da Coruña e Vigo. “ Temos sumado ao noso proxecto –engadiu Casares na presentación- a todos os axentes necesarios para conformar un bioclúster emprendedor con capacidade de impulsar a creación de coñecemento, a valorización dos resultados de investigación e a innovación na industria”. O proxecto amplía así o seu ámbito de actuación e a súa potencialidade como principal recurso investigador no ámbito biosanitario do noroeste hispano-portugués, ao incorporar aos principais axentes públicos e privados do eido das Ciencias da Saúde pero tamén coa creación da primeira Escola de Doutoramento especializada do Sistema Universitario Galego. Esta última representa o compromiso da USC coa configuración dun modelo docente de referencia e un espazo de excelencia para a formación de novos investigadores. Esta Escola de Doutoramento xa incorpora 21 programas de doutoramento, 6 deles con Mención de Calidade do Ministerio, permitindo incorporar a porcentaxe de alumnos mobilidade internacional ata o 25 por cento. O resultado desta suma duplica a capacidade docente, o número de investigadores, a interacción coa empresa e os indicadores de mobilidade internacional de Campus Vida, para quen a recualificación representaría unha maior diferenciación e aval de cara a futuros programas de apoio ao desenvolvemento universitario. De xeito adicional, o proxecto achega como un dos seus eixo vertebradores o desenvolvemento dun Plan de Internacionalización asociado á estratexia de investigación de CAMPUS VIDA, a implantación dunha Estratexia de Transferencia compartida cos axentes da Agrupación, a definición dun Fondo de Investimento para fortalecer a capacidades de valoración e transferencia e a súa proxección internacional, así como un Programa de Captación de Talento.

CAMPUS VIDA naceu coa vontade de ser un proxecto global sostido nunha estratexia compartida para desenvolver un biocampus situado entre os 100 mellores do mundo. Para o Juan Casares Long o seu progreso e configuración actual deixan á luz unha gran capacidade de impacto presente e futuro, e unha contrastada proxección internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2010.