Ir o contido principal

O Campus XuvenCiencia 2020 arranca o 28 de xuño en Lugo

Cristina Cabaleiro guía un taller con alumnado dunha edición anterior do Campus XuvenCiencia
Cristina Cabaleiro guía un taller con alumnado dunha edición anterior do Campus XuvenCiencia
A oitava edición deste campamento de divulgación científica oferta 150 prazas, das que a metade se cubrirán por orde de inscrición e o resto por sorteo entre as inscricións
Lugo, Santiago de Compostela

O Campus XuvenCiencia 2020 celebrarase no Campus de Lugo da USC do 28 de xuño ao 4 de xullo. As principais novidades da nova edición xa en marcha afectan ao modo de admisión do alumnado, dado que os promotores deste campamento científico preuniversitario acordaron cubrir a metade das 150 prazas ofertadas por orde de inscrición, mentres que a outra metade se cubrirá por sorteo entre todas as candidaturas inscritas.

As modificacións do sistema de acceso ao Campus XuvenCiencia 2020 pretenden garantir a igualdade de oportunidades entre o alumnado interesado en tomar parte nesta experiencia, independentemente da súa dispoñibilidade ou posibilidade de acceso a internet no momento do inicio da inscrición, segundo salienta a profesora da USC e coordinadora do grupo XuvenCiencia, Mercedes Novo, quen tamén avanzou que o prazo de inscrición para o campus de verán de 2020 comezará ás 15.30 horas do 30 de abril. A información relativa a prazos e matrícula xa está dispoñible na web, que de xeito progresivo incorporará máis detalles sobre a programación deste ano.

O VIII Campus de Verán XuvenCiencia ofrece preto dun centenar de obradoiros científico-tecnolóxicos e científico sociais para alumnado de 4º da ESO a 1º de BAC (2º de BAC para veteranos). O programa inclúe pensión completa con aloxamento en residencias do campus de Lugo e un completo abano de actividades lúdicas para os seráns e as noitiñas, a cargo de Lumieira Acompaña. A oferta de prazas ascende a 150, das que 100 serán para rapazas e rapaces que nunca teñan participado no Campus XuvenCiencia. A organización reserva as outra 50 prazas para aqueles veteranos que desexen repetir a experiencia.

O Campus XuvenCiencia mantén nesta edición a mesma filosofía coa que naceu esta iniciativa do programa Fago, logo aprendo!, como unha actividade para que a rapazada coñeza a ciencia e a tecnoloxía de primeira man, a forza de fedellar e descubrir experimentos divertidos e creativos. Deste xeito, a mocidade fomenta o seu interese pola ciencia e conta con máis e mellor información para a gran decisión que teñen que adoptar nos últimos anos de instituto.