Ir o contido principal

campUSCultura e o Espazo de Danza da USC desenvolverán un Espazo Integrado

O proxecto campUSCulturae en colaboración co Espazo de Danza da USC van desenvolver o Espazo Integrado, unha iniciativa creativa para expresar por medio da danza “unha nova forma de entender o mundo sen as barreiras artificiais que diariamente exclúen ás persoas ou que fan que moitas se sintan excluídas”. Quen estea interesado en participar deberá contactar antes do 7 de xaneiro a través do correo electrónico campusculturae [at] usc.es (campusculturae[at]usc[dot]es) indicando nome e apelidos, enderezo completo e teléfono e contacto. Baixo a dirección da bailarina e coreógrafa Carlota Pérez, o obxectivo de Espazo Integrado é “ construír entre todos e todas un momento de arte, de ruptura, de encontro e de integración, coa idea de concretar esa experiencia nun espectáculo final no que as artes e os entusiasmos de cadaquén se dean a man”. Os ensaios celebrarase todos os martes e xoves de 19.00 a 21.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación. Esta iniciativa será un “lugar ao que todos/as teñan acceso, con independencia da idade, das supostas ou reais incapacidades e discapacidades, da forma ou tamaño do corpo ou dos medos, tópicos ou prexuízos que precedan ás persoas”, apuntan os seus promotores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.01.2013.