Ir o contido principal

campUSCulturae e a asociación TADEGa exploran as posibilidades das ferramentas dixitais aplicadas á atención a diversidade

Comeza este venres 8 en Ciencias da Comunicación o III Congreso de Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega

' Inclusión e cultura dixital’ é o lema que rexerá no III Congreso de Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega, unha proposta formativa do proxecto campUSCulturae e a asociación TADEGa na que o protagonista será a persoa, coa inclusión como obxectivo e a accesibilidade e usabilidade como condicións imprescindibles.

A formulación do congreso parte de catro necesidades básicas que orientarán os contidos ofertados cara a formación no aproveitamento das ferramentas dixitais e na atención á diversidade, o intercambio de experiencias e recursos, a promoción dos valores da inclusión, a accesibilidade e a usabilidade e a investigación no desenvolvemento de ferramentas de utilidade. Nas distintas actividades programadas participan máis de 150 docentes, fundamentalmente de ensino primario e secundario. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, presidirá a inauguración do congreso este venres 8 nun acto ás 17.00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. Deseguido, Mónica Arenas Ramiro proporán un debate sobre as vantaxes e perigos que presenta a irrupción das redes sociais, o que dará paso a unha mesa redonda que tentará reflexionar sobre ‘Fracasa a atención á diversidade?’, na que tamén se presentarán as iniciativas de campUSCulturae ‘Integra2’ e ‘Radio a prol da inclusión’. A do sábado 9 será unha xornada eminentemente práctica na que se desenvolverán tres sesións de obradoiros simultáneos. Logo da presentación de reflexións e conclusións derivadas destes obradoiros, o reitor Juan Casares, nun acto previsto para as 19.00 horas clausurará o congreso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2013.