Canosa e Pavlova pechan este martes o ciclo ‘Sonatas para violín e piano de Beethoven’ na Casa do Saber

A violinista Nazaret Canosa e a pianista Vera Pavlova protagonizarán este martes 19 de marzo, a partir das 20.00 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, o concerto de clausura do ciclo ‘Sonatas para violín e piano de Beethoven’, unha proposta de música de cámara incluída no programa ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013’, financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural.
As sonatas números 1, 4 e 8 do xenial compositor xermano conformarán o menú musical do concerto que Nazaret Canosa e Vera Pavlova ofrecerán o martes na Casa do Saber de Lugo, o mesmo escenario no que, desde o pasado 15 de xaneiro, outros seis músicos interpretraron a dúo en tres concertos as sonatas número 2, 3, 5, 6, 7 e 9 compostas por Beethoven entre os anos 1799 e 1812. A última entrega melódica deste ciclo musical será protagonizada pola violinista Nazaret Canosa, nada en Xove e que estará acompañada ao piano por Vera Pavlova. A xovense Canosa Insua, que na actualidade compaxina a súa actividade orquestral coa participación no Taller Atlántico Contemporáneo e no Grupo de Cámara Minuetto, iniciouse no violín en 1990 da man de Xan Carballal para logo continuar a súa formación con Gregori Nedobora antes de ser seleccionada como membro da prestixiosa escola de música Reina Sofía, onde foi nomeada alumna sobresaínte.
Vera Pavlova Pavlova, profesora de piano e pianista acompañante do CMUS de Santiago de Compostela, comezou a súa formación musical á ideade de seis anos na cidade rusa de Voronezh para logo ampliala no colexio musical e no Conservatorio Superior Tschaikovsky de Moscú, no que se graduou co título de Máster of Fine Arts. Residente en Galicia desde 1996, Vera Pavlova conta cunha ampla experiencia como pianista de orquestra, como o proba o feito de contar con preto dun centenar de programas desenvolvidos coa Orquestra Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia e Orquestra de Castela e León.
O derradeiro concerto do ciclo 'Sonatas para violín e piano de Beethoven' comezará ás 20.00 horas no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Lugo e a entrada será de balde ata completar o aforo do auditorio, con capacidade para acubillar a uns cen asistentes.