Ir o contido principal

As cantigas, textos esenciais para desvelar a vida das mulleres galegas na Idade Media

Miniatura do 'Cancioneiro da Ajuda'
Miniatura do 'Cancioneiro da Ajuda'
Edicións USC publica a antoloxía interdisciplinar 'Mulleres medievais. Textos e imaxes na lírica galego-portuguesa', que aborda o estudo das composicións e das ilustracións contemporáneas desde a Filoloxía, a Historia e a Historia da Arte

Co título Mulleres medievais. Textos e imaxes na lírica galego-portuguesa, este xoves 25 presentouse no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP) un volume coordinado por Esther Corral e Yara Frateschi e publicado por Edicións USC en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do CIRP. A obra achega unha visión moi completa da condición da muller nesa época, un aspecto aínda moi descoñecido polo público en xeral. E faino a través dunha notable selección de figuras femininas que aparecen nas cantigas: mulleres históricas e mulleres de ficción cantadas polos trobadores en cantigas de amor, de amigo e de escarnio, converténdose na primeira antoloxía dedicada exclusivamente a estudar as mulleres medievais na lírica galego-portuguesa por un equipo pluridisciplinar integrado por persoas expertas en Filoloxía, Historia e Historia da Arte, especialistas de referencia no seu campo.

Na presentación interviñeron o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés; as coordinadoras do libro, Esther Corral presencialmente e Yara Frateschi desde Brasil telematicamente, así como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Blanco salientou “os valores históricos e historiográficos, socioculturais e literarios dunha investigación colectiva e vangardista nos seus métodos, que pon o foco nun eido non transitado ata agora” e puxo de relevo que a obra se orienta nunha liña de empoderamento feminino dentro da misión de responsabilidade social da USC.

A catedrática de Filoloxía Románica Esther Corral, do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago, explicou que “a lírica galego-portuguesa proporciona un magnífico campo de estudo para entender o noso pasado, posto que o seu corpus comprende un importante e variado repertorio de cantigas, digno de compararse coas poéticas europeas máis relevantes. Son máis de 1.600 textos de lírica profana nos que a muller é unha figura con gran protagonismo”.

O traballo de Corral céntrase en darlles visibilidade ás figuras femininas relacionadas coa lírica medieval, ámbito no que leva traballando desde hai máis de trinta anos, a partir da súa tese de doutoramento, que analizaba xa o mundo das mulleres e da lírica galego-portuguesa. A nova obra “a diferenza de anteriores antoloxías de temática feminina, presenta unha orientación novidosa por ter un carácter interdisciplinar. Combínanse os distintos tipos de mulleres coas imaxes e coa documentación histórica, cando se conserva”. Tal como sinala a investigadora, “ata o de agora os compendios textuais vencellados á poesía trobadoresca só tiñan en conta a visualización das mulleres a través das cantigas.

Variedade de grupos sociais
 

Agora, por primeira vez, preséntase unha selección de figuras históricas e literarias a través de poesías significativas pero tamén de textos relacionados en prosa. Sorprende a variedade de grupos sociais que aparecen. Atopamos unha representación plural de mulleres con poder e mulleres de condición social máis baixa que testemuña a presenza activa na construción e organización da sociedade. Algunhas son citadas con nome e apelidos, outras agachadas no anonimato. Así mesmo, destácase a función activa das mulleres como impulsoras da creación literaria”.

As mulleres identificadas levan o seu correspondente perfil histórico. E, para achegalos a un público máis amplo, non só a investigadores e estudosos especializados, os textos van acompañados da tradución ao galego moderno e dun breve comentario orientativo, de información histórica e de notas biográficas destacadas. Trátase, por tanto, dunha antoloxía “enriquecida” que difunde o papel da muller na Idade Media.

Os textos ilústranse e compleméntase cunha extensa e variada colección de ilustracións en cor. Intégranse imaxes extraídas de manuscritos da época (Cancioneiro da Ajuda, Tombo A da Catedral de Santiago, Tombo do mosteiro de Toxosoutos...) e de esculturas do noso patrimonio románico coma o tímpano da igrexa de San Miguel do Monte en Chantada, que amosa unha escena xograresca cunha muller bailando; ou parte da columna entorchada de Tristán e Isolda que se conserva no Museo da Catedral de Santiago. Tamén se ofrecen e estudan as miniaturas do ‘Cancioneiro de Ajuda’ que amosan a representación de como se executaban as cantigas naquela época, con trobadores, xograres e figuras femininas cantando.
 

“Son 12 as miniaturas con algunha figura feminina que acompañan as cantigas do Cancioneiro da Ajuda e que teñen a singularidade de ser tamén a única mostra da representación de como sería a escenografía na produción trobadoresca da Europa medieval. Nesas imaxes pódese visualizar como as soldadeiras acompañaban os xograres e trobadores con instrumentos musicais e tamén bailando”, explica a investigadora.

As mulleres con poder

O primeiro capítulo está dedicado ás mulleres con poder como raíñas, infantas e nobres que protagonizaron cantares e que impulsaron a tradición lírica, aspecto este descoñecido polo público. “É importante difundir o labor destas damas por estaren moi próximas a nós e non seren coñecidas. A raíña Berenguela de Barcelona está enterrada no Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela e procedía dun ambiente no que se cultivaba a lírica, antes de que se iniciase aquí. As nobres Dona Maior Afonso ou Dona Constança de Rodeiro exerceron un papel principal no desenvolvemento da lírica galego-portuguesa ao apoiar desde as súas pequenas cortes a composición de cantares”, afirma Esther Corral. Á beira destas mulleres con poder, existiron outras de condición social máis baixa con menos influencia, pero que representan unha sociedade activa e plural como peregrinas, mouras ou xudías. A través dos textos tamén se ve a esfera máis privada, as diferentes relacións de parella ou as estratexias matrimoniais. Neste sentido, a obra reflicte cuestións coma a violencia e o maltrato na parella ou a homosexualidade feminina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2024.