Ir o contido principal

Cara a unha pesca marítima recreativa máis sustentable

No marco desta rede, abordarase o intercambio de información entre diferentes iniciativas. FOTO: Santi Alvite
No marco desta rede, abordarase o intercambio de información entre diferentes iniciativas. FOTO: Santi Alvite
Os investigadores Pablo Pita e Sebastián Villasante da USC acaban de poñer en marcha un proxecto no que participan dez centros de investigación, seis organizacións do sector e representantes de Asturias, Cataluña e Galicia, para crear unha rede de traballo que coordine as distintas iniciativas que se están a desenvolver neste eido
Lugo, Santiago de Compostela

Os investigadores Pablo Pita e Sebastián Villasante do Departamento de Economía Aplicada da USC, acaban de poñen en marcha o proxecto ‘Grupo de Traballo sobre Pesca Marítima Recreativa en España’. Coa participación de dez centros de investigación, seis organizacións do sector e representantes do eido da pesca nas comunidades de Asturias, Cataluña e Galicia, esta iniciativa quere consolidar unha rede de traballo que contribúa a mellorar a sustentabilidade desta modalidade de pesca.

O proxecto abordará o desenvolvemento de Marcos de Recompilación de Datos (MRD) coherentes, comparables e adaptativos, “nun momento clave no que se están deseñando diferentes iniciativas rexionais e europeas”, apuntan os investigadores. No marco desta rede, abordarase o intercambio de información entre diferentes iniciativas, incluídos acordos sobre metodoloxías e intercambio de experiencias entre ciencia, administracións e pescadores recreativos. “Con iso, espérase contribuír a mellorar a coordinación e a coherencia entre estas iniciativas para proporcionar información a nivel estatal”, sinalan.

Asemade, dentro dos retos expostos, avaliarase a posibilidade de harmonización das regulacións e procedementos relacionados coa emisión das licenzas deste tipo de pesca entre as diferentes comunidades autónomas do Estado para obter un mellor coñecemento sobre o número de pescadores recreativos, a obtención de mostras representativas desta poboación e a vixilancia e avaliación da actividade.

O proxecto que comezou a finais do ano pasado, xa iniciou os primeiros contactos coa Subdirección Xeral para a protección do mar e a Subdirección Xeral de Investigación Científica e Reservas Mariñas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, abrindo canles de comunicación coas administracións estatais para convidalas a participar no grupo de traballo e promover sinerxías coas iniciativas en marcha dende a Secretaría Xeral de Pesca. A reunión de lanzamento do grupo que acaba de celebrarse contou con máis de 30 representantes do sector de toda España para definir a folla de ruta dos próximos talleres que terán lugar en marzo e setembro do 2021 para abordar os retos do sector. Este proxecto desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e está  cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2021.