Ir o contido principal

A Caravana Universitaria polo Clima chega este mércores a Santiago

A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC,, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, participa no programa de voluntariado ambiental ‘Caravana Universitaria polo Clima’ coa que se pretende favorecer a contribución das universidades na loita contra o cambio climático. Deste xeito, trece universidades españolas promoven o liderado para a acción contra o cambio climático así como comportamentos comprometidos coa redución dos gases de efecto invernadoiro.
A Caravana, na que participan 26 estudantes de toda España, iniciou a súa andaina o luns 11 na Universidade Autónoma de Madrid para continuar o percorrido polo resto de universidades participantes e regresar de novo á UAM o día 7 de marzo e presentar os resultados obtidos.
A caravana en CompostelaA Caravana Universitaria polo Clima chegará a Santiago este mércores 13 para desenvolver durante toda a xornada diferentes actividades organizadas pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible. Pola mañá, os voluntarios participantes na Caravana e os bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria da USC visitarán algúns dos proxectos e instalacións medioambientais situados no campus sur. Ademais, realizarán unha ruta verde polos xardíns da USC guiados por persoal técnico da universidade.
Pola tarde desenvolveranse as actividades abertas a toda a comunidade universitaria, que comezarán ás 16:00 horas cun Entroido polo Clima que terá lugar diante da Facultade de Dereito, onde estará localizada a Caravana. Xa ás 18:00 horas no salón de actos do Colexio Maior Fonseca terá lugar unha mesa redonda con exemplos das investigacións sobre cambio climático que se realizan na USC e na que participarán Pablo Meira Cartea, Vicente Pérez Muñuzuri, Ángeles López Aguera e Francisco Díaz-Fierros Viqueira.
O proxectoO proxecto é promovido polo grupo de traballo de Calidade Ambiental e Desenvolvemento Sostible da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) e a Rede de Universidades polo Clima, contando tamén coa colaboración da Fundación Biodiversidade e a empresa ALSA.
A colaboración da Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible na iniciativa responde ao seu obxectivo de crear conciencia ecolóxica que impulse a participación da comunidade universitaria en actividades ligadas á mellora ambiental. No seu web pode atoparse máis información sobre este proxecto e sobre o resto de actividades de sensibilización en relación co cambio climático.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2008.