A Caravana Universitaria polo Clima chegou a Santiago
A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC,, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, participa no programa de voluntariado ambiental ‘Caravana Universitaria polo Clima’ coa que se pretende favorecer a contribución das universidades na loita contra o cambio climático. Deste xeito, trece universidades españolas promoven o liderado para a acción contra o cambio climático así como comportamentos comprometidos coa redución dos gases de efecto invernadoiro.
A Caravana, na que participan 26 estudantes de toda España, iniciou a súa andaina o luns 11 na Universidade Autónoma de Madrid para continuar o percorrido polo resto de universidades participantes e regresar de novo á UAM o día 7 de marzo e presentar os resultados obtidos.
A caravana en CompostelaA Caravana Universitaria polo Clima chegou a Santiago este mércores para desenvolver durante toda a xornada diferentes actividades organizadas pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible. Pola mañá, os voluntarios participantes na Caravana e os bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria da USC visitaron algúns dos proxectos e instalacións medioambientais situados no campus sur. Ademais, realizaron unha ruta verde polos xardíns da USC guiados por persoal técnico da universidade.
Pola tarde desenvólvense as actividades abertas a toda a comunidade universitaria, que comezan ás 16:00 horas cun Entroido polo Clima diante da Facultade de Dereito, onde está localizada a Caravana. Xa ás 18:00 horas no salón de actos do Colexio Maior Fonseca terá lugar unha mesa redonda con exemplos das investigacións sobre cambio climático que se realizan na USC. participan os profesores da USC de Educación Ambiental, Pablo Meira Cartea; de Física da Materia Condensada, Vicente Pérez Muñuzuri; de Física de Partículas, Ángeles López Aguera; e o catedrático de Edafloloxía e Química Agrícola, Francisco Díaz-Fierros Viqueira.
O proxectoO proxecto é promovido polo grupo de traballo de Calidade Ambiental e Desenvolvemento Sostible da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) e a Rede de Universidades polo Clima, contando tamén coa colaboración da Fundación Biodiversidade e a empresa ALSA.
A colaboración da Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible na iniciativa responde ao seu obxectivo de crear conciencia ecolóxica que impulse a participación da comunidade universitaria en actividades ligadas á mellora ambiental. No seu web pode atoparse máis información sobre este proxecto e sobre o resto de actividades de sensibilización en relación co cambio climático.