Ir o contido principal

Carlos Acuña Fariña, investigador do IPsiUS, premiado pola Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos

Carlos Acuña Fariña
Carlos Acuña Fariña
O profesor Carlos Acuña Fariña vén de recibir o galardón "Leocadio Martín Migorance" como Premio de Investigación 2024 en Lingüística Inglesa polo seu libro Syntactic Processing. An Overview, editado por Routledge. O premio entregouse no 47 AEDEAN Conference, en Sevilla, destacando a súa achega aos estudos lingüísticos.

AEDEAN outorgou a Carlos Acuña Fariña o Premio de Investigación 2024 en Lingüística Inglesa Leocadio Martín Mingorance polo seu libro Syntactic Processing. An overview, publicado pola prestixiosa editorial británica Routledge, do grupo Taylor and Francis. O galardón foille entregado na asemblea anual de socios celebrada durante o 47 AEDEAN Conference, en Sevilla. Os Premios de Investigación de AEDEAN (Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos), acompañados dunha dotación económica, recoñecen aqueles traballos que contribúan de modo destacado ao avance teórico e metodolóxico no ámbito dos estudos lingüísticos.

A obra premiada aborda as estruturas, os temas e as principais teorías do procesamento sintáctico dos últimos 40 anos e faino accesible tanto para lingüistas teóricos como para psicólogos experimentais. O libro vincula cuestións lingüisticamente relevantes coas principais teorías psicolingüísticas e céntrase fundamentalmente no procesamento dos fenómenos gramaticais de adxunción, concordancia e gap-filling e analiza a relación entre gramáticas e parsers. Tamén analiza as diferentes metodoloxías de procesamento oracional, como o seguimento ocular e a electroencefalografía. Syntactic Processing. An overview é unha lectura imprescindible para estudantes avanzados e expertos en lingüística e psicolingüística.

 

Carlos Acuña Fariña é catedrático de Filoloxía Inglesa da Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou no ano 1993. A súa actividade investigadora iniciouse con investigación en lingüística teórica (sintaxe). Axiña, con todo, iniciou a súa actividade como psicolingüista e comezou a traballar estreitamente con psicólogos experimentais no ámbito do procesamento sintáctico, do que é un experto. A súa investigación recorre ás metodoloxías de lectura auto-administrada (self-paced reading), rastrexo ocular (eye-tracking) e potenciais electrofisiólogicos asociados a eventos (ERPs). Dirixiu numerosos proxectos de investigación do plan nacional nos últimos vinte anos, e ten así mesmo unha ampla experiencia na xestión e avaliación da actividade académica e investigadora realizada no sistema universitario español, labor que desenvolve tanto desde a súa colaboración con axencias nacionais, como Aneca ou a Axencia Nacional de Investigación, como de diversas axencias rexionais ás que vén asesorando nos últimos quince anos. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2024.