Ir o contido principal

Carlos Pajares recibe o premio Lois Peña Novo polo seu compromiso na introdución do galego na universidade

Carlos Pajares nun momento da recepción do premio
Carlos Pajares nun momento da recepción do premio
O xurado dos galardóns recoñeceu o labor do investigador, artífice da creación do IGFAE e reitor da USC entre 1984 e 1990, no “fomento do uso da lingua galega no ámbito académico e científico”

O investigador Carlos Pajares Vales (Madrid, 1945), artífice da creación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1984 e 1990, recibiu o premio Lois Peña Novo que entrega a fundación dedicada a este autor nun acto celebrado no Patio de Armas do Castelo de Soutomaior.

O galardón, que recoñece o compromiso de persoas e institucións coa lingua galega, foi outorgado este ano a Carlos Pajares polo seu labor na introdución do galego na universidade. En 2019, recibiu o mesmo recoñecemento o actual director do IGFAE, Carlos Salgado, polo seu compromiso permanente co galego na súa actividade investigadora e docente.

Despois de licenciarse e doutorarse en Física na Universidade Complutense de Madrid, e de investigar en centros científicos de referencia en París, Seattle ou Oxford, Carlos Pajares incorporouse en 1979 á Universidade de Santiago como catedrático e director do Departamento de Física de Partículas. En 1981 converteuse no primeiro decano da Facultade de Física. Posteriormente, en 1984 foi o primeiro reitor da USC elixido democraticamente, cargo no que permanecería ata 1990.

Durante a súa etapa como reitor, segundo destaca a Fundación Lois Peña Novo, “implantou na institución académica un proceso de galeguización eficaz e continuado a través da creación dun servizo propio, dedicado ao fomento do uso da lingua galega no ámbito académico e científico”. A acta do xurado recoñece ademais sobre Pajares que “a pesar de non ser galego de nacencia, inculturizouse na terra defendendo os valores identitarios do país”.

O labor científico e institucional de Carlos Pajares foi tamén clave na participación da USC, o IGFAE e de España na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN). Participou activamente no reingreso do país no CERN, en 1983, e entre 2008 e 2012 foi delegado científico de España no CERN.

Ademais de Carlos Pajares, foron galardoados cos premios Lois Peña Novo 2024 a xefa de servizo de Traballo Social na Área Sanitaria de Vigo, María Jesús Lago Vilaboa, por ser pioneira e defensora do uso do galego no ámbito sanitario, e o Concello de Carballo, pola súa firme aposta durante máis de 20 anos pola dinamización lingüística, desenvolvendo accións de socialización transversal.

Un momento da recepción en Soutomaior
Un momento da recepción en Soutomaior
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2024.